A directora xeral de Comercio e Consumo,
Sol Vázquez, presentou hoxe na Coruña unha nova edición da campaña
Días azuis do comercio galego, organizada pola Federación Galega de
Comercio, Abanca e a Xunta, e que se celebrará do 13 ao 26 de maio co
obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.
Na súa
intervención, a directora xeral destacou que durante estas dúas semanas o
obxectivo da campaña é visibilizar os establecementos que están a pé de
rúa e dinamizar o comercio de proximidade, “tan importante para a nosa
economía”. Neste sentido, animou aos galegos e galegas a comprar, gozar e
apoiar a actividade deste tipo de locais ao longo de todo o ano.
Os clientes dos comercios que realicen as súas compras entre estas dúas datas deberán rexistrar o seu tícket en www.diasazuis.com,
ou ben solicitar que a rexistre o propio comerciante. Entre todos os
participantes sortearanse un total de 16.200 euros en 80 tarxetas
prepago: 28 de 300 euros e 52 de 150 euros, que deberán ser utilizadas
polos gañadores nos establecementos tradicionais galegos. O sorteo, ante
notario, realizarase o vindeiro 29 de maio.
Comercio 360
A
iniciativa enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao comercio de
Galicia que a Xunta está a desenvolver para reforzar este sector e que
contempla un total de 55 accións específicas ata 2020. Nesta aposta pola
sector, o Goberno galego vén de presentar Comercio 360, unha iniciativa
que pretende mellorar a competitividade do sector a través da
dixitalización, a economía circular e o produto local e que contempla
medidas como a implantación de laboratorios comerciais ou unha liña de
axudas á ecoinnovación.
Esta nova iniciativa, dirixida a pemes de
menos de 10 traballadores, ten como obxectivo ofrecer aos
establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso,
moderno e adaptado ás novas realidades e servizos, o que permitirá
dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas para
facelos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes.