A Consellería de Educación, Universidade e
Formación Profesional destinará un total de 553.000 euros para axudar a
sufragar, no actual curso académico 2018-19, o custo dos comedores
escolares xestionados polas ANPAS.
O Diario Oficial de Galicia (DOG)
publica a Orde pola que se establecen as bases e se convocan as axudas
destinadas ao cofinanciamento deste servizo xestionado polas
asociacións, federacións ou confederacións de nais e pais do alumnado
dos centros públicos non universitarios dependentes da Consellería e que
imparten os niveis de ensinanza básica obrigatoria ou o segundo ciclo
de educación infantil.
A Consellería financia ata un máximo do 50% do custo do servizo do comedor do centro escolar
correspondente. As axudas, que se outorgarán en réxime de concorrencia
competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú
por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se
é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.
Tamén
poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de
persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os
derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á
prestación do servizo de comedor escolar. As solicitudes para
acceder a estas bolsas deberán presentarse, preferiblemente, por vía
electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede
electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. O prazo para poder facelo rematará o próximo 10 de xuño.