A Comunidade Autónoma de Galicia pechou o
primeiro trimestre de 2019 cun superávit contable do 0,03%, mentres que
a media autonómica rexistrou un déficit do 0,1%, segundo recollen os
últimos datos publicados hoxe polo Ministerio de Facenda,
correspondentes ao mes de marzo.
En concreto, Galicia rexistrou no
peche do mes de marzo un superávit contable de 21 millóns de euros,
mentres que o déficit do conxunto das administracións autonómicas
situouse en 1.234 millóns.
Os datos do Ministerio de Facenda
mostran que Galicia é unha das cinco comunidades que rematou o primeiro
trimestre do ano con superávit contable. As outras administracións
autonómicas que tamén rexistraron capacidade de financiamento son
Asturias (0,3%) e A Rioxa (0,1%), xunto ás dúas comunidades forais:
Navarra (0,61%) e País Vasco (0,45%).
Galicia é unha das
comunidades autónomas de referencia no cumprimento dos obxectivos de
estabilidade orzamentaria, tal como mostran as cifras oficiais do
Ministerio de Facenda, que ratifican que Galicia volveu estar en 2018
entre as comunidades que conseguiron cumprir os obxectivos de déficit,
débeda pública e regra de gasto, ao tempo que foi a comunidade que
mellor pagou aos seus provedores.