A Consellería de Educación, Universidade
e Formación Profesional, vén de convocar os premios extraordinarios fin
de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios
no ano 2018 nas universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG).
O
obxectivo destes galardóns é recoñecer as mellores traxectorias
académicas do alumnado universitario galego, o seu traballo, esforzo e
excelencia. Para tal fin, o departamento que dirixe Carmen Pomar destina
un orzamento de 222.000 euros. Cada un dos galardoados acadará un
premio de ata un máximo de 3000 euros e un diploma acreditativo, o que
supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu
currículo.
Requisitos
Poderá optar a este premio o
alumnado universitario que cursase de forma íntegra os estudos da
titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do
SUG, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente
académico igual ou superior a 8'5 puntos, para o alumnado das ramas de
coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas,
Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7'5 puntos, para o alumnado da rama de
Enxeñaría e Arquitectura. Os requirimentos e forma de presentación de
solicitudes poden consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
Ao
igual que o ano pasado, o número de premios virá determinado polo
número de persoas egresadas na mesma titulación. Deste xeito, aquelas
con ata 199 persoas egresadas optarán a un premio, as que teñan entre
200 e 299 a dous e as que conten con 300 ou máis persoas optarán a tres
premios. O número de persoas en cada titulación estará verificado pola
certificación emitida polos servizos administrativos das universidades
do Sistema universitario de Galicia.