O Diario Oficial de Galicia publica hoxe
unha convocatoria de axudas destinada a financiar actividades de
promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de
xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais galegas
(Anpas).
Trátase da primeira vez que se publica unha orde con este
fin específico destinada ás Anpas. Estas axudas, que se inscriben no
Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, están dotadas en total con
300.000 euros. Cada solicitude poderá recibir un máximo de 4.000 euros
se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso de ser
presentada por 2 ou más Anpas dun mesmo concello ou por unha federación
ou confederación de Anpas.
Ao abeiro desta orde de axudas, poderán
financiarse actuacións como escolas de pais e nais que aborden temas de
igualdade, educación afectivo-sexual ou violencia de xénero; a
elaboración de materiais informativos para axudar a detectar estes
casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión
contra a cosificación do corpo das mulleres; a formación para pais e
nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado das novas tecnoloxías;
accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas
masculinidades para romper cos micromachismos; e outras accións que
sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para
previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de
agresións.
A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas
galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das
ferramentas necesarias para lograr unha igualdade real entre os homes e
mulleres e erradicar calquera tipo de violencia de xénero.