A portavoz nacional, Ana Pontón,
aproveitou a sesión de control para denunciar a falta de política social de
vivenda do Goberno Feijóo que se plasma nun drástico recorte tanto dos investimentos
como da promoción de vivenda protexida, en particular con destino a alugueiro,
pese ao incremento dos prezos nas grandes cidades.
“Leva
10 anos aplicando recortes e privatizacións que non só afectan á sanidade, a
educación ou a dependencia tamén ao dereito fundamental a unha vivenda digna”,
salientou Pontón, quen avanzou que os e as galegas van emendar nas urnas esta
ausencia de política social de vivenda nas eleccións de 2020.
“Non ten política de vivenda pública e
iso está deixando tiradas a moitas persoas e hai medidas que se poden impulsar, pero para iso
ten que ter a cabeza en Galiza e non en salvar os mobles do PP despois dos
sucesivos descalabros electorais. Entendo
que estea preocupado porque vai ter que render contas dentro dun ano e non ter
política de vivenda pública vaille pasar factura”, augurou, tras ironizar sobre
a escasa influencia que ten ante Pablo Casado e o pretendido xiro ao centro: “son
as consecuencias de dez anos de submisión”.
“Quédalle un ano para rectificar,
señor Feixóo porque senón en 2020 serán os galegos e as galegas as que
rectifiquen a súa falta de política de vivenda nas urnas”, recalcou. Entre as medidas propostas polo BNG: a
transferencia das vivendas do SAREB para destinala a vivenda social, fomentar a
rehabilitación e a promoción de vivenda pública tendo en conta que hai 14.000
demandantes inscritos no rexistro único de vivenda da Xunta, un fondo social
para facilitar o acceso á vivenda aos colectivos con máis dificultades e gravar
aos fondos voitre e a entidades bancarias que reteñen bolsas de vivenda para
especular.
Pontón reclamoulle a Feixóo un cambio
de rumbo tras anos de recortes, de tal xeito que hoxe destina a política social
de vivenda un 75% menos que fai dez anos, paralizou a construción de vivenda de
promoción pública, -en 2009 entregábanse 1.778 vivendas con algún tipo de
protección e en 2017, a cifra foi de doce-.
“Desde 2014 non fixo nin unha soa
vivenda pública en alugueiro, vergoñento sobre todo se temos en conta que no
último semestre de 2018 tivemos 5 desafiuzamentos diarios por impagos”,
denunciou a líder do Bloque. Pontón reprochou especialmente o abandono da
política de aluguer que deixa fora do acceso a unha vivenda á xente moza.
“Os prezos non deixaron de subir nas
grandes cidades o que, unido aos baixos
salario, fan que o acceso a unha vivenda sexa misión imposible para a mocidade
en cidades como Vigo, A Coruña ou Santiago nas que o prezo do aluguer supón
máis do 50% dos seus ingresos”, alegou a dirixente do Bloque. A día de hoxe hai
4.000 mozos e mozas apuntados no rexistro como demandantes de vivenda
protexida, “pese a iso, a Xunta no promoveu vivenda protexida en aluguer desde
2014, cero”, recalcou.
“Vostede sega instalado na auto
compracencia, pero en 2020 os galegos e as galegas diranlle nas urnas o que
pensan da desfeita da súa política social de vivenda”, concluíu. Departamento de comunicación