Baixo
a coordinación de Mercedes Cereijo Tuñas, á súa vez directora do CEIP
Plurilingüe de Outes e a activa participación do profesor Adrián Rivero,
especialista en plástica, este centro do municipio de Outes, na
provincia da Coruña, logrou o primeiro premio do concurso escolar
“Recíclate con Sogama” 2018-2019 coa súa obra “O Mar vence ao plástico”.
Elaborada
por alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria, o
obxectivo da mesma non era outro que recrear a contaminación oceánica
por plásticos e concienciar á poboación no uso racional dun material non
biodegradable con longa vida, reducindo o seu consumo e optando por
alternativas máis sostibles.
A
esta convocatoria podían presentar a súa candidatura os 25 colexios de
primaria de toda Galicia adscritos ao programa educativo “Recíclate con
Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e cuxo
obxectivo é instaurar a reciclaxe nas aulas e fomentar a práctica
efectiva dos tres erres (reducir, reutilizar e reciclar).
Pretendíase
así que os pequenos tivesen a oportunidade de comprobar por si mesmos o
alto potencial que albergan os residuos e que chegasen a visualizalos
como recursos, ata como verdadeiras obras de arte. No
caso do colexio de Outes, os materiais de refugallo utilizados na
elaboración do traballo procedían dunha xornada de limpeza efectuada na
praia de Broña, onde fixeron provisión de palets, poliestireno, madeira,
cordas, botellas, palliñas, etc.
A
obra recrea un monstro fabricado íntegramente con plásticos procedentes
do areal e unha sirena elaborada con materiais naturais tales como
conchas, piñas e palla, entre outros. A antítese da contaminación, o
risco e a ameaza para o medio ambiente fronte á beleza do limpo e
respectuoso coa contorna.
Desta
forma, o centro coruñés quería evidenciar un problema que afecta á
humanidade no seu conxunto e lanzar unha mensaxe de esperanza,
convidando á cidadanía a rexeitar os plásticos dun só uso, a consumir
con cordura e a optar por alternativas ecolóxicas e biodegradables.
Ademais
do correspondente diploma acreditativo, o premio consiste nunha viaxe
ao parque acuático de Cerceda e as entradas ao mesmo para que medio
centode escolares deste colexio poidan gozar dunha merecida xornada de
lecer e diversión.
Segundo e terceiro premio
O
segundo e terceiro galardón recaeron, respectivamente, no CPR
Plurilingüe Possumus de Vigo, coa súa obra “Marnica”, que recrea
igualmente a contaminación oceánica por plásticos inspirándose no
Guernica de Picasso, e no CEIP de San Cosme de Barreiros (Lugo), co seu
traballo “Santo Estevo e o seu Fraga”, que reproduce unha maqueta de
Santo Estevo de Ermo, lugar da zona con moita vexetación autónoma e
gran beleza.
Desde
Sogama, as nosas máis sinceras felicitacións aos tres gañadores e, por
suposto, aos magníficos traballos aportados por todos os centros que
concorreron a este certame polo esforzo e a alta calidade dos seus
proxectos. Departamento de comunicación