O titular do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, informou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, da
convocatoria dunha nova edición dos programas integrados de emprego,
unha ferramenta que ofrece aos participantes formación, asesoramento e
orientación laboral.
Para tal fin, subliñou, destinarase entre
2019 e 2020 un orzamento de 10 millóns de euros que poden solicitar tanto as
administracións locais como as entidades sen ánimo de lucro. Un
investimento a través do cal os beneficiarios recibirán 2.500 euros por
cada participante, mantendo o incremento de 100 euros introducido o ano
pasado, e no que se espera que participen 4.000 persoas desempregadas.
Máis
polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que, ao igual que acontecera
en anteriores edicións, terán prioridade os concellos emprendedores,
resérvanse 2 millóns de orzamento para plans específicos para mulleres, e
primaranse os proxectos nos que se implique o tecido empresarial. Ao que
engadiu que a actual convocatoria tamén introducirá dúas novidades,
incluirase o colectivo de persoas beneficiarias da renda de inclusión
social de Galicia e a formación estará dirixida á obtención, de polo
menos, un certificado de profesionalidade.
A este respecto, Feijóo
puntualizou que estes programas establecen como obxectivo a inserción
laboral de como mínimo o 35% dos participantes. Aínda que a inserción
media alcanza o 50%. “Desde 2009 e ata a edición anterior o orzamento
destinado é de 55 millóns dos que se beneficiaron 34.000 persoas
desempregadas”, abundou.
En definitiva, deste xeito dáse
continuidade á folla de ruta fixada na Axenda 20, que ten como obxectivo
central que o paro se reduza ata un 10% no horizonte de 2020, nun
momento, o actual, no que Galicia leva preto de 5 anos e medio
consecutivos creando emprego e superou o millón de afiliacións á
Seguridade Social.