O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se crea e regula a Medalla Emilia
Pardo Bazán, que ten como obxectivo o recoñecemento público daquelas
accións relevantes levadas a cabo en favor da igualdade de oportunidades
entre mulleres e homes.
O prazo para presentar candidaturas este
ano, o primeiro que se convoca este recoñecemento, estará aberto a
partir do luns e prolongarase durante 20 días hábiles. As
candidaturas poderán ser propostas directamente por calquera persoa
física ou xurídica, representantes de organismos, entidades,
asociacións, así como calquera Administración pública que considere
relevante destacar o labor doutras persoas, entidades, ou institucións.
A
distinción poderá ser entregada a persoas maiores de idade, colectivos,
entidades ou institucións, tanto públicas como privadas que, ao longo
da súa traxectoria, teñan contribuído á construción dunha sociedade
máis igualitaria. As candidaturas serán avaliadas por unha
comisión de valoración, que estará composta por varios representantes da
Xunta de todas as consellerías, pola persoa que exerza no momento a
Vicepresidencia segunda do Consello Galego das Mulleres en
representación das asociacións e federación de mulleres, e pola persoa
que exerza o cargo de director/a ou conservador/a da Casa Museo Emilia
Pardo Bazán.
Un máximo de tres condecoracións por ano
A medalla terá un
carácter exclusivamente honorífico e dará dereito a un diploma
acreditativo, que non leva consigo ningún tipo de dotación económica.
Cada ano concederanse ata un máximo de tres condecoracións, que
revestirán forma de medalla cando sexan a título individual, e placa
cando se trate de colectivos, entidades ou institucións.A entrega de medallas realizarase cada ano o 16 de setembro, día de nacemento da escritora galega, nun acto solemne.
A
condecoración leva o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha
precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo, por
reivindicar a educación e instrución das mulleres como algo fundamental
e por incorporar en todas as súas obras ideas sobre a modernización da
sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades
que os homes.