O turismo en Galicia continúa a avanzar
neste ano 2019 da man da calidade. Así o constatan os datos feitos
públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que revelan
que a demanda turística medrou por riba da media española nos catro
primeiros meses ao crecer un 5%, mentres que no resto de España a
evolución non chegou ao 1%.
Neste tempo chegaron á Comunidade
galega máis de 1 millón de viaxeiros que realizaron máis de 2 millóns de
noites nos establecementos de aloxamento regrado, o que se traduce na
xeración de algo máis de 31.000 viaxeiros que hai un ano e preto de
94.000 noites máis que nas mesmas datas de 2018. Medra tanto o turismo
nacional como o estranxeiro, destacando de xeito especial este último
que logra superar nun 11% a cifra de viaxeiros aloxados e case nun 13% o
volume de noites. O turismo estranxeiro acumula así cinco anos
consecutivos de mellora nos primeiros meses do ano acadando este 2019 un
máximo histórico con preto de 425.000 noites.
A positiva
evolución turística rexistrouse en todas as tipoloxías de aloxamento
regrado, desde hoteis e pensións ata apartamentos turísticos, cámpings e
establecementos de turismo rural. Neste último caso, o incremento da
demanda turística roldou o 7%. Constátase tamén a tendencia dos últimos
anos na que os viaxeiros deciden permanecer cada vez máis tempo en
Galicia. Así, a estadía media increméntase un 1,8%, acumulando así tres
anos de mellora e rexistrando a cifra máis elevada dos últimos cinco
anos.
Máis calidade e rendibilidade
Todas estas cifras
permitiron, ademais, que o sector hoteleiro galego tamén rexistre un bo
balance desde o punto de vista económico, xa que as tarifas hoteleiras
medraron case dous puntos porcentuais e rexistráronse os niveis de
rendibilidade –medidos polo RevPAR ou ingreso por habitación dispoñible–
máis altos da década, cun incremento do 7%.
Esta salientable
evolución do turismo en Galicia ten lugar nos primeiros meses do ano,
unha época na que a Consellería de Cultura e Turismo, da man do sector,
desenvolvendo diferentes iniciativas tanto de promoción como de creación
de produto, con experiencias turísticas que están a captar a atención
dos visitantes fóra da tempada estival e dando así resposta ao
compromiso do Goberno galego pola desestacionalización.