A escolas infantís de 0 a 3 anos da rede
autonómica A Galiña Azul abrirán o vindeiro curso escolar 2019/2020 con
8.594 nenas e nenos con praza, o que supón o 70% das 12.147 solicitudes
presentadas con toda a documentación requirida e 302 admitidos máis que
no presente curso. A listaxe definitiva pódese consultar nas páxinas web
do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e na da Axencia Galega de Servizos Sociais.
Ademais,
a listaxe de nenas e nenos en agarda sitúase en 3.367 nenas e nenos,
501 menos que no período anterior. Esta cifra aínda se reducirá máis,
pois nela están incluídos tanto os solicitantes de praza na rede da
Galiña Azul como en centros dependentes dos concellos e de entidades de
iniciativa social. Así mesmo, as familias que queden sen praza pública
poderán beneficiarse do Bono Concilia, axuda directa que lles permitirá
contar con apoio económico para levar ás súas fillas e fillos á escola
infantil que escollan. Tamén cómpre indicar que o 66% das
solicitudes presentadas correspóndense con novos ingresos e as 34%
restantes son de renovación.
A distribución por provincias dos
admitidos é a seguinte: 3590 nenas e nenos en escolas da Galiña Azul da
Coruña, 3172 nas que hai en Pontevedra, 920 nas de Ourense e 912 nos
centros da Xunta en Lugo. Ademais, indicar que no conxunto da rede
autonómica hai admitidos 33 menores de 0 a 3 anos con necesidades
especiais e 969 pertencentes a familias numerosas.
Máis de 25.000 prazas
A
maiores das 10.380 prazas en escolas infantís da rede autonómica, as
nenas e nenos galegos contan con prazas públicas en escolas infantís e
puntos de atención á infancia dependentes dos concellos, do Sergas e das
Universidades. A oferta pública tamén chega a centros privados con
concertos e aos que xestionan entidades privadas de iniciativa social. O
resto da oferta completarase cos Bonos Concilia, ata chegar ás 25.000
prazas totais que supoñen unha cobertura do 44%, 11 puntos por riba da
media recomendada pola Unión Europea.