El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA | TURISMO

Arranca a tempada dos trens turísticos de Galicia

01-06-2019 18:23:11

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os delegados territoriais da Xunta na Coruña e Lugo, Ovidio Rodeiro e José Manuel Balseiro, achegáronse hoxe á estación de tren do Barqueiro para saudar aos pasaxeiros da viaxe inaugural da Ruta dos Faros, un dos 12 itinerarios da sétima edición dos Trens Turísticos de Galicia impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Os pasaxeiros participantes nesta ruta puideron coñecer diferentes puntos da costa coruñesa como Cabo Ortegal, o pico máis alto da Serra da Capelada –a Vixía Herbeira- ou Santo Andrés de Teixido e o Cabo de Estaca de Bares. A parada en O Barqueiro serviu de punto de encontro para continuar o percorrido pola provincia de Lugo, xa que este itinerario achégase tamén a Mariña Lucense con Ribadeo, a Illa Pancha ou a Praia das Catedrais. 

Amais da Ruta dos Faros hoxe tamén saíu por primeira vez nesta edición a Ruta do Viño da Ribeira Sacra polo Sil, que permite coñecer enclaves como Monforte de Lemos, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil e inclúe visitas a adegas desta Denominación de Orixe e paseo en catamarán.  


57 saídas ata outono 

Estas saídas inaugurais son só dúas das 57 que se realizarán ata o mes de outubro nas 12 rutas temáticas coas que conta a edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia. Unha das principais novidades é o itinerario polos Camiños de Santiago que percorrerá catro dos dez camiños xacobeos en Galicia, partindo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) achegarase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte), á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de Samos (Camiño Francés). 

Nesta edición mantense as xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego, así como os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada unha das cinco denominacións de orixe vitivinícola: Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra –en ambos ríos, Sil e Miño–, Ribeiro e Valdeorras, así como a Ruta dos Mosteiros que foi novidade o ano pasado. 


Turismo de calidade e sustentable 

Os Trens Turísticos de Galicia son unha proposta de turismo de calidade, tranquilo e sustentable que encaixa co modelo turístico galego plasmado na Estratexia do Turismo de 2020. Inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venda de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Igualmente, pódese atopar toda a información na web de Turismo de Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias