Galicia súmase hoxe á celebración do Día Mundial do Leite, instituído
pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a
Agricultura (FAO) e que se conmemorou por primeira vez no ano 2001. O
obxectivo desta iniciativa é incentivar o consumo de leite e de produtos
lácteos entre a poboación, tendo en conta os seus indubidables
beneficios para a saúde.
Nesta xornada, a Xunta quere poñer en
valor que a nosa comunidade é unha das primeiras rexións europeas
produtoras de leite, ocupando actualmente o oitavo posto dentro da UE. O
pulo deste sector ponse de manifesto tamén porque os máis de 7.000
gandeiros galegos facturan anualmente uns 800 millóns de euros e a
produción de leite no 2018 chegou aos 2,8 millóns de toneladas,
aproximadamente o 40% de España, consolidando a Galicia como líder
indiscutible no ámbito nacional.
Un dos factores que inciden
positivamente neste éxito é a aposta pola calidade que caracteriza o
sector galego. Unha calidade que ten o seu sinal de identidade na marca
Galega 100%, promovida pola Xunta, a través da Consellería do Medio
Rural, e que xestiona o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise
do Leite (Ligal).
Para afianzar este selo de calidade entre os
consumidores, Medio Rural vén desenvolvendo unha intensa actividade de
promoción. Só no que vai de ano, Galega 100% estivo presente en sete
eventos diferentes relacionados coa gastronomía ou co deporte, caso do
Forum Gastronómico da Coruña, a feira Xantar de Ourense ou Expordes
2019. Así mesmo, fíxose promoción do seu consumo na carreira pedestre de
Frades ou en varios partidos de baloncesto na cidade das Burgas.
Como
parte desta actividade, dende o mes de xaneiro pasado repartíronse
unhas 30.000 unidades de briks de leite amparado coa marca de calidade
Galega 100%, xunto con folletos nos que se facilita ao consumidor
información sobre como identificar este leite nos diferentes puntos de
venta e coñecer as garantías e o significado da marca. O espazo de
promoción de Galega 100% é unha mini carpa que incorpora un
mostrador-expositor para almacenaxe e distribución de material. Así
mesmo, conta con módulos expositivos para os briks de leite e paneis
informativos sobre a marca de calidade.