A Xunta reúne mañá, luns, á Comisión de
Xogo, á que lle fará entrega do borrador da nova Lei do sector que ten
entre os seus principais obxectivos reforzar os controis e fomentar o
xogo responsable. O texto inclúe aspectos reclamados tanto polas
asociacións de ludópatas, como polo propio sector.
Entre as
novidades da Lei, o novo texto incluirá a limitación do número de salóns
de xogo e tendas de apostas que se poden instalar en Galicia. Este
mesmo mes o Consello da Xunta xa aprobou un acordo para limitar as
autorizacións e evitar especulacións antes da entrada en vigor deste
novo texto normativo. Deste xeito, o número de autorizacións en
ambas tipoloxías estará limitado -igual que no acordo aprobado
transitoriamente- ás que xa existen na actualidade e ás que están en
tramitación. Isto é, o límite sitúase en 118 salóns de xogo (97 xa
funcionando e 21 expedientes pendentes) e 41 tendas de aposta, todas
funcionando e sen ningunha solicitude en tramitación na actualidade.
Deste
xeito, dótase dunha planificación de autorizacións a estes dous tipos
de establecementos, posto que os casinos e salas de bingo xa contaban
cunha planificación destas características. De feito, modifícase a
planificación de salas de bingos, que ata agora configurábanse en
función da poboación e non do número de establecementos, e no novo texto
pasará a fixarse nun máximo de 12 establecementos: os que existen na
actualidade.
Outra das principais novidades será a limitación
tamén do parque de máquinas recreativas e de máquinas de apostas.
Actualmente, cando unha máquina se daba de baixa definitiva, podían
autorizarse novas ata chegar ao límite establecido. Coa nova normativa,
as máquinas que se dean de baixa irán reducindo o límite máximo na
proporción correspondente e non se poderán dar novas autorizacións.
Do
mesmo xeito, e na mesma liña de establecer por unha oferta respectuosa e
responsable, ampliaranse na práctica as distancias entre
establecementos de xogo. Manteranse os 150 metros de distancia entre os
establecementos de xogo e os centros escolares con menores de idade,
pero cambiará o sistema para medilos. Actualmente, calcúlanse tendo en
conta as vías que usaría unha persoa para ir andando dun punto a outro.
Coa nova lei pasarase a medir radialmente, co que na práctica a
distancia será maior. Ademais, unifícanse as distancias que deben
separar aos distintos establecementos. Na normativa vixente, fíxanse 300
metros de distancia co mesmo tipo de establecemento: por exemplo, un
salón de xogo con outro salón de xogo. Agora fixaranse eses 300 metros
entre calquera tipo de establecemento de xogo, sexan do tipo que sexan.
Isto é, un salón de xogo terá que estar como mínimo a 300 metros de
distancia doutro salón de xogo, pero tamén dunha tenda de apostas ou dun
bingo.
A regulación da publicidade será tamén unha das grandes
apostas desta nova lei. Aínda que se remitirá a un desenvolvemento
regulamentario posterior e máis específico, o novo texto xa determina
que só se permitirá a publicidade en prensa escrita e limitada a
supostos concretos e tasados na norma, así como nos locais específicos
de xogo.
A nova Lei do Xogo tamén actualiza o réxime sancionador,
cunha nova enumeración das faltas moito máis adaptadas á situación
actual. Ademais, aclárase mellor quen é o responsable das distintas
infraccións.