O Diario Oficial de Galicia
(DOG) publica na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral
de Recursos Humanos do Sergas polas que se convoca os
concurso-oposicións para o ingreso nas categorías de médico de familia,
pediatra de atención primaria, odontólogo de atención primaria e técnico
en coidados auxiliares de enfermería. En concreto, convócanse un total
de 254 prazas para a categoría de médico de familia, 93 para pediatra de
atención primaria, 7 para odontólogo de atención primaria e 772 para
persoal técnico en coidados de enfermería.
As persoas interesadas
en formar parte do proceso selectivo deberán cubrir unha única
solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina
Virtual do Profesional (Fides/Expedient-e/Procesos/OPE). Este formulario
estará dispoñible a partir de mañá. O prazo de inscrición é dun mes,
contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, polo
que rematará o vindeiro 3 de xullo.
Como novidades neste proceso,
realizarase a verificación de certos requisitos de participación a
través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia, PasaXe!.
Isto implica que as persoas aspirantes que non se opoñan no formulario
de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de
interoperabilidade, non terán a obriga de achegar documentación
acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o
certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron
expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia, e a
certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non
percibir, no momento actual, prestación ou subsidio por desemprego en
calquera parte do territorio nacional.
Fóra destes supostos e, no
caso de opoñerse á consulta, os aspirantes deberán achegar a
documentación acreditativa dos requisitos, tal e como se viña facendo
habitualmente. A comprobación do requisito realizarase de xeito
automático no momento de confirmar a inscrición e poderá confirmarse con
posterioridade polo órgano convocante.
Os méritos a ter en conta
na fase de concurso están recollidos na resolución da convocatoria que
publica o DOG. As persoas interesadas deberán rexistralos debidamente no
seu expediente profesional electrónico e acreditalos documentalmente na
forma e prazos indicados na convocatoria.Nesta convocatoria
habilitouse a opción de presentación da instancia de participación no
proceso electronicamente, mediante a súa sinatura con certificado
dixital ou DNI electrónico.