O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva,
presentou hoxe ante a Comisión do Xogo de Galicia o borrador da nova
normativa do sector, que virá actualizar a regulación vixente, que data
de 1985.
Un dos principais obxectivos deste novo texto é adaptarse
ás novas realidades e regular un xogo responsable, de aí que inclúa
novidades como o reforzo dos controis ou as limitacións no número de
establecementos. Unha maior protección dos menores é unha das
maiores apostas do texto lexislativo. No borrador establécese que todos
os establecementos de xogo deberán ter a partir de agora control de
acceso, para evitar a entrada de menores e das persoas que figuran
voluntariamente no rexistro de prohibidos. Ata agora, este control de
acceso era obrigatorio nos bingos, casinos e tendas de apostas, pero a
partir de agora a identificación estenderase tamén aos salóns de xogo.
A
nova forma de calcular as distancias máximas constitúe tamén un eixo
fundamental de cara ao fomento do xogo responsable en xeral, e para a
protección dos menores en particular. Así, manteranse os 150 metros de
distancia entre os establecementos de xogo e os centros escolares con
menores de idade, pero cambiará o sistema para medilos. Actualmente,
calcúlanse tendo en conta as vías que usaría unha persoa para ir andando
dun punto a outro. Coa nova lei pasarase a medir radialmente, co que na
práctica a distancia será maior.
Ademais, unifícanse as
distancias que deben separar aos distintos establecementos. Na normativa
vixente, fíxanse 300 metros de distancia co mesmo tipo de
establecemento: por exemplo, un salón de xogo con outro salón de xogo.
Agora fixaranse eses 300 metros entre calquera tipo de establecemento de
xogo, sexan do tipo que sexan. Isto é, un salón de xogo terá que estar
como mínimo a 300 metros de distancia doutro salón de xogo, pero tamén
dunha tenda de apostas ou dun bingo.
Limitación do número de salóns de xogo
O novo texto incluirá a
limitación do número de salóns de xogo e tendas de apostas que se poden
instalar en Galicia. Este mesmo mes o Consello da Xunta xa aprobou un
acordo para limitar as autorizacións e evitar especulacións antes da
entrada en vigor deste novo texto normativo. Este decreto está agora
mesmo en trámite de exposición pública e foi outro dos temas tratados
hoxe na Comisión de Xogo. Deste xeito, o número de autorizacións
en ambas tipoloxías estará limitado -igual que no acordo aprobado
transitoriamente- ás que xa existen na actualidade e ás que están en
tramitación. Isto é, o límite sitúase en 118 salóns de xogo (97 xa
funcionando e 21 expedientes pendentes) e 41 tendas de aposta, todas
funcionando e sen ningunha solicitude en tramitación na actualidade.
Nesta
mesma liña, tamén se limitará o parque de máquinas recreativas e de
máquinas de apostas. Actualmente, cando unha máquina se daba de baixa
definitiva, podían autorizarse novas ata chegar ao límite máximo
establecido. Coa nova normativa, as máquinas que se dean de baixa irán
reducindo o límite máximo na proporción correspondente e non se poderán
dar novas autorizacións.
A regulación da publicidade dentro das
competencias autonómicas será tamén unha das grandes apostas desta nova
lei. Aínda que se remitirá a un desenvolvemento regulamentario posterior
e máis específico, o novo texto xa determina que só se permitirá a
publicidade en prensa escrita e limitada a supostos concretos e tasados
na norma, así como nos locais específicos de xogo.
A nova Lei do
Xogo tamén actualiza o réxime sancionador, cunha nova enumeración das
faltas moito máis adaptadas á situación actual. Ademais, aclárase mellor
quen é o responsable das distintas infraccións. Ademais, outro aspecto destacable é que o novo texto establecerá unha
nova composición da Comisión do Xogo, do que pasarán a formar parte
tamén as consellerías de Educación Sanidade e Política Social; sectores
afectados; a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp); as
asociacións de ludópatas; e as asociacións de consumidores e usuarios.
Ata agora, formaban parte desta Comisión representantes de distintos
departamento da Xunta e dos salas de xogo, bingos e casinos.