A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou hoxe,
trala xuntanza con parte da executiva nacionalista e os candidatos ás alcaldías das
grandes cidades, que os resultados do pasado 26M confirman “o avance social e
electoral do BNG”. Para a portavoz nacionalista ábrese “un novo ciclo político
no que o BNG consigue duplicar o voto nas eleccións Xerais, tamén nas europeas
e nas municipais acadando representación en todas as cidades galegas”.
Pontón recalcou
que o novo ciclo político caracterízase polo “avance do BNG” mentres o “Partido
popular retrocede nos últimos tres procesos”. Temos ante nós un reto importante
na convocatoria das eleccións galegas no ano 2020 e dende o BNG, enfrontámolo con “decisión para garantir un
cambio real en Galiza para poñer “punto final ao decenio nefasto do Partido
popular e de Feixóo”.
Para abrir o
novo ciclo que Galiza precisa, comezamos a reforzar o proxecto do BNG cunha organización “unida,
sólida e cun proxecto que xa é referencia para moitas persoas”. Porque hai
“outra Galiza posible” que tamén é construída dende os concellos e deputacións,
asegurou Pontón.
Ademais,
explicou que o avance do BNG nas cidades alcanza un incremento de voto nas cidades do 22,2%, o incremento
porcentual de concelleiros e
concelleiras acada o 31,6%, e dende o punto de vista cualitativo conseguimos
manter o apoio maioritario dos veciños e veciñas de Pontevedra coa garantía de
que esta cidade continúe cun proxecto transformador e modelo de éxito de
referencia. Volvemos a entrar nas corporacións de Vigo e Ourense, acadamos un
importante avance no número de votos en Santiago e Coruña e somos decisivos en
Ferrol e Lugo.
Nas pasadas
eleccións, moitas persoas en Galiza
demostraron que queren políticas alternativas e nós, recalcou Pontón, imos traballar “con luces longas” porque o
debate das eleccións municipais non remata en quince días. Contamos cun
“proxecto de país sólido” e
traballaremos coa perspectiva de catro anos para fortalecer o proxecto do nacionalismo
e contribuír ao avance das cidades.
Pontón asegurou
que o novo mapa das cidades galegas evidencia o desexo dos galegos e galegas
contra as políticas de dereitas. Nestes sentido, anunciou que o BNG responderá con diálogo, propostas e proxectos concretos
para cada unha das cidades, “ben dende o goberno ou a oposición” porque sabemos
“gobernar pero tamén sabemos facer oposición”
e o nosa acción de futuro estará supeditada a cambios reais nas
políticas nos lugares nos que o BNG non obtivo a alcaldías. Seremos moi
esixentes para facer avanzar as ideas e proxectos nacionalistas, manifestou a
líder do BNG. Departamento de comunicación