A Xunta de Galicia dá hoxe comezo ao
proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2020,
unhas contas que van potenciar o benestar e a cohesión social e
territorial de Galicia, e nos que se volverá apostar por reforzar o
apoio aos sectores estratéxicos nos que se basea o modelo de crecemento
económico que sustenta o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020.
En
conxunto, os Orzamentos da Xunta para 2020 terán como principal
obxectivo manter o actual vieiro de crecemento estable e san, que está
permitindo a Galicia acadar un forte crecemento da economía –o PIB de
Galicia medrou un 2,8% no ano 2018- e do emprego, ao tempo que se
reforza o gasto social e se impulsa o capítulo de investimentos.
Ademais, seguindo a liña de anos anteriores, as contas volverán dar
prioridade á I+D+i, ás axudas a pemes e traballadores autónomos e a
preparación do Xacobeo 2021.
Segundo establece a orde da
Consellería de Facenda pola que se ditan instrucións para a elaboración
dos Orzamentos para o ano 2020, publicada hoxe no Diario Oficial de
Galicia, o proceso de confección das contas públicas partirá da
avaliación dos indicadores de produtividade dos exercicios pechados,
empregando os resultados de desenvolvemento como elemento para
determinar as partidas das contas para 2020.
Na elaboración destes
Orzamentos concorren tres características; o feito de ser o derradeiro
exercicio de vixencia do Plan Estratéxico 2015-2020, o que condicionará
as asignacións nas políticas de gasto; a muda de condicións externas a
Galicia, pola incerteza política e macroeconómica; e o remate do proceso
de consolidación fiscal. Como novidade, os documentos orzamentarios de
2020 recollerán por primeira vez un informe en clave de infancia,
seguindo as recomendacións da ONU nesta materia.
Catro comisións
A
elaboración dos orzamentos para 2020 estruturarase en torno a catro
comisións: a Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos
programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos
asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de
resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da
elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de
fondos europeos e FCI, que estima as certificacións previstas dos
distintos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a
distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos