Eva Solla,
coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de
Galicia, cualificou “de fraude” o anteproxecto de Lei Reguladora do Xogo de
Galicia que ten presentado o PP e que pretende actualizar a obsoleta Lei do
Xogo. “Valoramos hoxe o anteproxecto presentado polo PP sobre o xogo como unha
auténtica fraude, que non aborda todos os compromisos e demandas sociais en
relación á necesidade de frear a implantación do xogo no noso país”, sinalou
Solla en rolda de prensa.
“A Xunta de Galicia tardou máis dun ano en
presentar un anteproxecto e o fai despois de que Esquerda Unida tivera
presentado a súa proposición de Lei e, ao contrario da nosa, é unha fraude e
non defende á mocidade nin ás familias, tal e como prometeron”, di a
coordinadora de EU. En primeiro lugar, “porque esta lei non resolve o problema de
abordar a publicidade das casas de apostas”, mentres que dende EU pedimos a
eliminación da publicidade relacionada coa promoción, difusión e patrocinio de
calquera forma de xogo por diversas vías (tanto en medios de comunicación como
en Internet) encamiñadas a mostrar o xogo e as apostas como ocio. “Sen embargo,
a Xunta deixa aberto este punto ao arbitrio dunha autorización, polo que esta
publicidade non queda prohibida e non resolve este serio problema que acaba por
normalizar o xogo”, apunta.
En segundo lugar, “nesta Lei non se establece
ningún mecanismo de acceso ás máquinas comecartos”. Dende EU propomos elementos
encamiñados a impedir que se acceda a estas máquinas por mecanismos semellantes
ás máquinas de tabacos ou despois dunha comprobación de maioría de idade,
ademais de que estas máquinas non estean accesibles para menores.
“Outra das novidades que EU introducía na
Proposición de Lei, é un elemento importante: as casas de apostas non son
bares, polo que é importante desvincular o consumo de alcohol do xogo, é dicir,
ten que prohibirse a venta de alcohol nestas casas de apostas, algo que non sae
mencionado na Lei Proposta pola Xunta de Galicia”, matiza Solla.
“Respecto ás distancias das casas de apostas, o
Anteproxecto da Xunta é un absoluto fraude, xa que mentres que EU propuxo a
distancia dun quilómetro entre as casa de apostas e os centros xuvenís,
colexios... a distancia que marcan eles é irrisoria, de 150 metros, e só
contempla os colexios, non importan os parques infantís, os lugares de ocio ou as
instalacións deportivas. Por iso dicimos que esta lei é só para salvar a cara,
pero non para satisfacer ás demandas sociais”, analiza.
Ao seu xuízo, “a Xunta debería tomar nota das
demandas dos profesionais e das familias”. O xogo non é ocio, é un negocio que
está relacionado cun modelo social que dende EU rexeitamos. É por iso que dende
Esquerda Unida imos seguir a traballar coas asociacións e a reunirnos coas
asociacións de veciños, tanto de barrios como Os Mallos na Coruña ou o barrio
de Navia en Vigo, para escoitar as súas demandas. “Este é un problema que
afecta as familias e a sociedade, que entende que o xogo e as casas de apostas non
están relacionadas e que estas teñen que
estar fóra do alcance da mocidade”, remata. Departamento de comunicación