O xuízo pola morte de Diana Quer
comezará o próximo 29 de outubro. Así o decretou a Sección Sexta da
Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, nun auto no que
establece os feitos sobre os que deberá pronunciarse o Tribunal do
Xurado, que poderían ser constitutivos de delitos de asasinato, agresión
sexual e detención ilegal.
A Audiencia establece como feitos, sobre os que
ha de versar o xuízo oral, que o acusado presuntamente abordase á vítima
durante a madrugada do 22 de agosto de 2016 cando se dirixía á súa casa
polo Paseo Areal, na Pobra do Caramiñal, e a introducise “pola forza”
no maleteiro do seu vehículo, “onde a suxeitou cunhas bridas e a amordazou con cinta adhesiva”.
Das dilixencias practicadas tamén se desprende que o sospeitoso
supostamente arroxou o móbil da moza pola ventá cando cruzaba a ponte
sobre a ría á altura de Taragoña. Tras chegar a unha nave industrial
abandonada situada no lugar de Asados, en Rianxo, supostamente tivo á
vítima “atada, sometida e aterrorizada” e violouna. Para ocultar estes
feitos, estrangulouna e arroxou o corpo a un pozo cheo de auga. Ao cabo
duns días, volveu para lastralo cuns bloques para que non emerxese.
O alto tribunal provincial tamén establece como feito que
o acusado recoñecese “pola súa propia vontade” cando estaba detido
matar á vítima, o que foi “indispensable para recuperar o corpo”. A
Audiencia destaca no auto que “en relación ás probas relativas a outros
feitos distintos do axuizado que sexan obxecto dun proceso penal”, non
se permitirá a práctica de proba no xuízo que pretenda “demostrar ou refutar
tales feitos”. Desta forma, só consentirá a achega de documentación
“que constate suficientemente o obxecto deses procesos, o seu estado
procesual e que suposta intervención neles atribúeselle ao acusado”. CRTVG