Tras a reunión do Consello Nacional do BNG para
analizar o escenario político de pactos nos gobernos municipais, a portavoz
nacionalista, Ana Pontón pediu “responsabilidade ao PSdG para garantir gobernos
alternativas ao Partido popular, en todos aqueles concellos en que sexa posible”.
Para a portavoz nacionalista, casos como Barreiros, Fene ou Viana do Bolo,
nos que xa houbo contactos entre o PP e
PSOE, xeran “incertidume e son un acto de irresponsabilidade por parte do PSdG”,
e traslada unha mensaxe “moi decepciónante”
ao electorado progresista que quere e
votou por gobernos alternativos á dereita.
Pontón asegurou que o 26M deixou unha mensaxe clara, “os galegos e
galegas apostaron por darlle máis peso ao nacionalismo nos gobernos municipais,
e imos ser fieis a ese mandato cidadá”.
O BNG é un proxecto “xenuíno, non homologábel a ningunha das outras forzas
políticas, que actúa de maneira soberana e sen subordinacións”. No BNG, cremos no diálogo e diálogo, explicou a portavoz nacionalista ,
pode desembocar en gobernos de coalición, en apoios á investidura, en apoios
puntuais ou en facer oposición. “Todas as fórmulas son válidas e en todas nos
sentimos cómodas”.
Pontón afirmou que o BNG vai
garantir o seu compromiso para evitar gobernos da dereita, pero ten que existir
reciprocidade e altura de miras por parte doutras forzas políticas e “non podo ocultar a nosa preocupación polo
que está a pasar nalgúns concellos como Barreiros ou Fene, onde estamos vendo
movementos moi estraños polo que
agardamos que o PSOE apoie á candidata e candidato do BNG, onde somos a
forza de referencia e non agasalle esas
alcaldías ao PP. “Estou convencida que os veciños e veciñas non llo perdoarían
nunca”, recalcou.
“Fronte a estas actuacións irresponsables do
PSdG, desde o BNG imos estar á altura e ser freo de contención da dereita en
todos os casos en que sexa posíbel”. Pontón lembrou que a remontada do BNG viuse
nas europeas, onde nos situamos, dixo, como terceira forza política galega, conseguindo máis que
duplicar os votos e polo tanto movendo o taboleiro político cun proceso de
crecemento importante que nos permite seguir tendo voz en Europa para defender
os intereses de Galiza a través de Ana Miranda.
Pero ese incremento
tamén se produciu nas eleccións
municipais, onde tivemos máis votos, e
onde cumprimos obxectivos: Volvemos estar en todas as cidades galegas, somos
decisivos en cidades como Lugo e Ferrol e lideramos por 6ª vez Pontevedra, e estamos en condicións de ter 30 alcaldías en todo o país,
que representan a case 300.000 galegos e galegas que terán alcaldes e
alcaldesas nacionalistas.
O BNG
incia a preparación das eleccións galegas
Na súa intervención, Ana Pontón anunciou que o
BNG xa está traballando no “reto das eleccións galegas de 2020” para conseguir
un novo impulso, que “nos sitúe como
referencia e catalizador do cambio real que precisa Galiza”. Neste sentido,
avanzou que o BNG xa prepara un encontro nacional de política municipal nos primeiro
días de xullo para trazar as liñas de actuación neste ámbito e “unha grande
mobilización social o 25 de xullo” con
todas as persoas que defendemos “outra Galiza posible”. O 25 de xullo, dixo, ten
que ser o primeiro gran acto político que poña en marcha “un cambio” en
clave de país nas galegas do 2020.
“É o momento de darlle un novo impulso ao BNG, para poñer fin a esta década
nefasta de Feijóo e abrir un novo tempo da man do BNG. De poñer en marcha un
cambio que poña por diante os intereses de Galiza e deixe atrás tanta
incompetencia política, e subordinación a Madrid”.
Lembranza a Anxela Franco
A portavoz nacional do BNG, no seu nome e de toda a
familia nacionalista lembrou con “afecto” á Anxela Franco, compañeira do
Consello Nacional que nos deixou o pasado domingo. Unha muller, “loitadora,
irrepetible, xenerosa” que sempre demostrou o seu compromiso con Galiza e o BNG
e que sempre estará na nosa memoria e no noso corazón. Departamento de comunicación