O presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a posta en
marcha do Plan estratéxico de xuventude 2019-2021, dotado con 410
millóns de euros, para xerar máis e mellores oportunidades en ámbitos
como o emprego, a formación ou o rural.
“Estamos a falar de 125
medidas para actuar en seis ámbitos prioritarios co obxectivo claro de
mellorar as capacidades e habilidades da mocidade no presente e para que
a xente nova poida ter máis oportunidades no futuro”, dixo, subliñando
que estas actuacións estarán distribuídas en 12 eixes, entre os que
destacou o emprego, coa creación de novas axudas para obter o permiso de
condución B ou C e o reforzo de programas como Emprural, para facilitar
a inserción laboral da mocidade na economía rural.
Así mesmo,
impulsarase a iniciativa Talento Mozo, con dous alicerces principais:
obradoiros e charlas protagonizados por galegos novos que destaquen
nalgunha área, para que sirvan de referentes e exemplo para outras
persoas novas; e, en segundo lugar, crearanse os Premios Talento Mozo,
para distinguir e recoñecer carreiras de éxito da mocidade galega en
diferentes ámbitos.
Outras medidas que se porán en marcha están
centradas no acceso á vivenda, cunha oficina de emancipación xuvenil
virtual para informar sobre as opcións que existen en materia de vivenda
e emprego ou a saúde e deporte, con accións orientadas a crear unha
cultura da vida saudable desde as idades máis temperás.
No ámbito
da participación e asociacionismo, cómpre salientar a extensión
progresiva das actividades de lecer e tempo libre ao longo de todo o
ano, para evitar que queden restrinxidas aos meses de verán. “E, por
outra banda, poremos en marcha o programa Foro Xove, encontros
periódicos entre os responsables públicos e persoas mozas para favorecer
a interactuación entre ambos colectivos; así como a creación dunha liña
especial do programa Iniciativa Xove —que financia con ata 5.000 euros a
posta en marcha de ideas innovadoras— centrada na promoción e
dinamización do Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021”, engadiu.
Así
mesmo, o presidente da Xunta destacou o impulso do voluntariado,
centrado no Camiño de Santiago; a mobilidade, coa xa anunciada
ampliación da Tarxeta Xente Nova para todos os autobuses interurbanos;
ademais do compromiso de seguir impulsando medidas encamiñadas a
potenciar o uso do galego entre a mocidade, a igualdade e o medio
ambiente. O texto continuará a súa tramitación co traslado ao
Comité Galego de Políticas de Xuventude para garantir a plena
coordinación de todas as administracións públicas.