O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha da Axenda de Impulso da
Industria Forestal 2019-2021 co fin de modernizar o tecido empresarial
deste sector; estimular a demanda e fomentar a utilización da madeira
nas novas construcións e contribuír á creación dunha sociedade
sustentable, baixa en carbono e baseada no emprego verde e no consumo de
produtos locais.
A Axenda da Industria Forestal contará cun
investimento de 54 millóns de euros que prevé mobilizar máis de 125 millóns. O
presidente da Xunta detallou que, en concreto, "se destinarán 14M€ á
formación, 8 millóns a configurar un ecosistema de innovación, 1 millón á
valoración e á cooperación e 31 millóns á competitividade e á
diversificación".
No que respecta a súa elaboración, Feijóo
incidiu en que este plan conta coa participación das asociacións do
sector forestal. Trátase dun documento aberto, polo que poderán
incluírse novas propostas xa que se seguirán mantendo encontros cos
diferentes axentes sociais para que poidan contribuír coas súas
suxestións a deseñar a mellor estratexia posible.
En canto aos
seus obxectivos, o presidente da Xunta explicou que “a Axenda da
Industria Forestal pretende incrementar nun 6% a facturación do sector
ata os 2.400 millóns de euros, aumentar tamén un 6% os empregos directos
ata alcanzar os 21.000 postos de traballo e facer medrar nun 10% o uso
de elementos non estruturais na construción”.
A nova Axenda inclúe
catro medidas para promover o uso da madeira. Na construción, buscarase
seguir impulsando o sector contract galego e introducir con máis forza
novos modelos de edificación sustentable. O presidente da Xunta detallou
que “a utilización da madeira permitirá acurtar os tempos construtivos,
crear novas oportunidades laborais no rural e permite unha nova
industria no sector da madeira en Galicia”. A Xunta dará exemplo e
promoverá a apertura de novos equipamentos públicos construídos en
madeira.
Ademais, no emprego de biocombustibles preténdese reducir
os consumos enerxéticos fósiles e cambiar as fontes de combustible.
Tamén se buscará introducir a madeira en sectores estratéxicos da
economía galega como a automoción, o naval e o téxtil, promovendo a súa
colaboración coa industria forestal para desenvolver novos produtos,
procesos e mercados a través da bioeconomía circular. Finalmente, no
deseño traballarase na utilización da madeira en interiores xa que
mellora o confort.