A portavoz nacional, Ana Pontón,
critica os “bandazos” do presidente da Xunta que evidencian a un Feijóo “desnortado”
en temas clave para o país, neste caso “pregándose á estratexia centralista da
educación” que marca o PP desde Madrid utilizando “a polémica estéril e artificial” da proba de
selectividade.
“Detrás
desta nova campaña non está nin a defensa da igualdade de oportunidades, nin a defensa
dos intereses do alumnado, está a recentralización de competencias como
principio ideolóxico tan caro á dereita española. Máis centralismo é sempre
sinónimo de desigualdade e dun trato discriminatorio para Galiza”, argumentou
Pontón tras a reunión da xunta de portavoces, anunciando que no próximo pleno
utilizará a pregunta de control ao Goberno para que Feijóo explique os seus continuos
cambios de criterio.
A líder nacionalista recriminou ao xefe
do Executivo o seu “seguidismo” dun Pablo Casado “obsesionado” pola
recentralización no seu afán de competir coa extrema dereita. “Demostra o seu
nulo respecto polas competencias en materia educativa é retrata a un Feixóo que
nin tan sequera defende o actual marco estatutario e que presenta o balanzo
máis pobre en materia de autogoberno pois en dez anos non conseguiu ningunha
nova competencia”, explicou.
Por contra, a proposta do PP en relación
á proba de selectividade lonxe de avanzar no autogoberno vai na dirección
contraria, “ao pretender que desapareza calquera tipo de contidos propios e
adaptados á nosa realidade nacional, sexa cultural, lingüística, económica ou
sociolóxica cunha proba de contidos centralizada desde Madrid”, indicou.
“O que propón o PP e subscribe Feixóo é
unha recentralización encuberta do sistema educativo”, denunciou, tras lembrar
a recente proposta de Casado de que a selección do persoal docente estivese
centralizada á que se sumou o presidente galego, pese a que o seu xefe de filas
consideraba prescindible o coñecemento
da lingua oficial dos distintos territorios para acceder a unha praza no
sistema educativo.
Pontón deixou claro que en Galicia o
problema da desigualdade de acceso á universidade non está na selectividade “senón
na situación económica das familias” e indicou que, postos a liderar algún
debate neste asunto, debería centrarse en aumentar as bolsas e na supresión desta proba.
De cara ao próximo pleno, o BNG vai
levar unha proposición en relación á seguridade viaria despois do incremento da
sinistralidade de accidentes de tráfico que amosan os últimos datos estatísticos.
A iniciativa parlamentaria inclúe a creación dunha mesa sectorial conformada
por todas as institucións e todos os axentes sociais implicados para deseñar un
novo modelo de seguridade viaria.
Multas contra puntos negros
Igualmente, reclamará as competencias
nesta materia e que todo o que o Estado recada en multas e sancións de tráfico
se invista en mellorar a rede de estradas de competencia estatal, precisamente
a que concentra o maior número de puntos negros.
A situación das industrias electrointensivas,
con Ferroatlántica e ALCOA como referentes,
serán tamén motivo de iniciativas plenarias. Pontón trasladou todo o apoio e
solidariedade do BNG ao cadro de persoal da factoría da Coruña que iniciou un
peche na delegación do goberno para denunciar a falta de solucións do Executivo
central.
Outro asunto que o Bloque levará ao
pleno é a alarma social xerada polos verquidos de residuos nas Illas de Sálvora
e Ons, da que responsabiliza ao Goberno da Xunta. Departamento de comunicación