Galicia conta xa co seu primeiro Anuario
de Estatística Forestal, con datos actualizados a 2018, editado pola
Xunta a través da Consellería do Medio Rural. O director xeral de
Planificación e Ordenación Forestal, José Luís Chan, compareceu hoxe a
petición propia na Comisión 7ª do Parlamento para dar conta deste
documento. Trátase do primeiro compendio publicado na nosa comunidade
que contén exclusivamente datos estatísticos forestais. O director xeral
explicou que a elaboración deste anuario responde ao establecido pola
normativa e concretou que a propia Lei de montes de Galicia dedica un
artigo enteiramente á estatística forestal. En parecidos termos, José
Luis Chan indicou que o grupo de traballo para a revisión do Plan
Forestal de Galicia, creado no seo do Consello Forestal, estableceu
unhas directrices ao respecto da importancia de dispor de estatísticas e
información fiable e actualizada sobre a realidade do monte galego.
Así
mesmo, o director xeral advertiu que a comisión parlamentaria creada
tras a vaga de lumes de 2017 incorporou no seu ditame definitivo medidas
concretas neste sentido. Entre elas, a creación dun sistema de
información estatística forestal de Galicia, como mecanismo que permita
facer diagnoses adecuadas e que facilite a toma de decisións de
políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector. Asemade,
outra das actuacións demandadas no devandito ditame consistía en
diferenciar, dentro da consellería, as competencias sobre ordenación e
planificación forestal, por un lado, e sobre prevención e defensa contra
incendios, por outro. Neste contexto levouse a cabo a separación de
ditas funcións en dúas direccións xerais distintas. Unha delas, a de
Planificación e Ordenación Forestal, ten entre as súas funcións,
precisamente, a de velar polo coñecemento do medio forestal baseado
nunha información estatística actualizada.
O Anuario presentado
hoxe inclúe información completa e detallada en relación coa estrutura
da propiedade forestal en Galicia, así como sobre a ordenación e xestión
forestal, repoboacións, tratamentos silvícolas, loita biolóxica contra
diferentes doenzas e pragas e producións forestais. En relación con
estes últimos, o estudo incorpora datos sobre aproveitamentos
madeireiros, de pastos ou micolóxicos. Por último, a publicación de
Medio Rural compendia as empresas do sector, tanto aquelas provedoras de
material forestal de reprodución como de servizos forestais e de
aproveitamento e transformación de madeira.
Sector lácteo
Por
outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias
Agroalimentarias, José Balseiros, insistiu na necesidade de que as
organizacións de produtores lácteos se activen para defender con
eficacia os intereses dos gandeiros na negociación dos prezos. Fíxoo en
resposta a unha pregunta sobre o sector, na que debullou as diferentes
actuacións levadas a cabo pola Xunta para o seu impulso e para mellorar a
rendibilidade das explotacións. Neste sentido, destacou a posta en
marcha da Mesa do Leite como órgano mixto Administración-cadea de valor
que pretende determinar o plan estratéxico para este eido produtivo con
todos os seus elos.
Ademais, Balseiros destacou que a produción
galega medrou nos últimos anos de xeito significativo. O director xeral
sinalou tamén que a implantación en Galicia de importantes industrias de
transformación que están á vangarda de Europa e que permitirán
transformar o noso leite con alto valor engadido. Lembrou ademais os
aproximadamente 80 millóns de euros en axudas ao sector lácteo para
mellor as súas explotacións, fomentar a incorporación de mozos e
promover a transformación e comercialización do produto, así como os
arredor de 170 millóns anuais que xestiona a consellería en achegas da
PAC no sector do vacuno.
Vendima en Monterrei
Pola súa
banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel
Rodríguez, fixo unha valoración moi positiva da última vendima na
Denominación de Orixe Monterrei, que segundo explicou foi a mellor da
historia en termos cuantitativos desta zona, con case 5,6 millóns de uva
recollida. Engadiu ademais que, partindo das condicións óptimas da
materia prima, favorecidas polas boas condicións climáticas e o bo facer
dos enólogos, é de agardar que os viños de Monterrei desta colleita de
2018 sexan dunha excelente calidade.
Por último, a secretaria
xeral Técnica da consellería, María Jesús Lorenzana, explicou os plans
deste departamento para mellorar o servizo que prestan as oficinas
agrarias comarcais, uns traballos que –dixo– xa comezaron este ano,
cunha planificación para toda a rede de centros espallados por toda
Galicia.