Familiar, moza, innovadora e verde. Estes
son os catro retos que o presidente da Xunta, Núñez Feijóo,
avanzou hoxe, durante unha reunión cos membros do Executivo, directores e
secretarios xerais da Xunta, para acadar, dixo, unha Galicia de máis
calidade na nova década.
Co obxectivo de avaliar o traballo feito
ata agora e, sobre todo, preparar “o moito que temos por diante”, Feijóo
mantivo esta mañá unha xornada –como se fixo ao inicio da lexislatura-
que culmina coa posta en común do traballo previo das diferentes
consellerías, para reforzar a unidade de acción dun Goberno unido e
estable e redobrar a intensidade desa acción, logo da inevitable
interrupción que para todas as administracións supoñen os procesos
electorais e nun contexto político de inestabilidade e incertezas.
Na
xuntanza, o responsable do Executivo galego precisou que lonxe de ser
categorías, estes catro retos son obxectivos irrenunciables de todo o
que se faga desde todos os ámbitos da Administración autonómica, porque
“esa Galicia da nova década –sentenciou-, ten que empezar a construírse
desde xa”.
Máis familia coa implicación de todos
Deste
xeito, e para acadar o obxectivo de que toda Galicia sexa aínda máis
familia, o titular da Xunta anunciou que na próxima semana, aprobarase a
Lei de Apoio á Natalidade e Dinamización Demográfica, converténdose na
primeira comunidade que eleva estas políticas a rango de lei, co
obxectivo de que todos os galegos entendamos que o asunto demográfico é o
principal reto da próxima década e das seguintes.
Así mesmo,
confirmou que será importante a ampliación dos incentivos que incluirá
para as familias, ademais de garantir un modelo único para calcular a
renda das familias nas distintas axudas públicas que se dan desde a
Xunta. Neste mesmo eido, e na liña do que indica a ONU, expuxo
tamén a necesidade de que os orzamentos inclúan un novo libro en clave
de infancia que especifique todas as políticas que se aproban para a
poboación de 0 a 18 anos.
En relación á conciliación, afirmou que é
imprescindible a participación de todos os departamentos. Así, Economía
deberá involucrarse en que as empresas faciliten flexibilidade horaria
aos seus traballadores e normalicen xornadas máis racionais; as
políticas de Emprego deberán buscar un emprego de maior calidade e cuxo
punto fundamental sexa a conciliación.
Cómpre ademais seguir
deseñando unha Educación que favoreza aínda máis a igualdade de
oportunidades que xa garanten, por exemplo, as axudas para os libros de
texto e material escolar ou os ordenadores nas aulas. Medio Ambiente e
Mar teñen a responsabilidade de lograr mellores contornas nas que
desfrutar en familia, na liña do que xa se está a facer coa nova
normativa en materia de residuos ou cos proxectos de diversificación no
litoral. E a Cultura debe seguir poñéndose ao acceso de todos os
recunchos e desde todas as idades, tal e como está fixado na Estratexia
Cultural para os próximos anos.
“O apoio aos maiores debe ser a
filosofía predominante, máis aló das axudas á dependencia que se teñen
que seguir incrementando, garantindo tamén para eles a mellor calidade
de vida nos seus fogares. E, por suposto, desde cada un dos
departamentos hai que traballar con máis énfase a prol da igualdade”,
matizou, aseverando ademais que a inclusión e a discapacidade teñen que
seguir sendo guías permanentes do traballo desde todas as consellerías.
“Somos un goberno solidario e temos as maiores políticas de inclusión e
os maiores presupostos para a discapacidade que nunca tivo a Xunta”,
sostivo.
Feijóo non quixo tampouco pasar por alto que a Galicia da
nova década tamén ten novos retos sanitarios. Se ben recoñeceu que se
iniciará finalizando boa parte dos complexos hospitalarios e o parque de
centros de saúde, con 2.300 profesionais máis que hai unha década e
tamén con máximos históricos en intervencións, consultas e transplantes,
así como coas menores esperas desde que hai rexistros, considerou que
non é suficiente, “porque as demandas da Sanidade Pública teñen que ir
acompasadas coas novas demandas da poboación”.
“Queremos unha
Sanidade Pública mellor organizada, como xa estamos a facer na Atención
Primaria; mellor financiada, e por iso, urxiremos ao Goberno de España a
que aborde este asunto; con máis prestacións, como o acceso universal
da Hospitalización a Domicilio; que estea preparada para incorporar
novos tratamentos, como se fixo no caso da hepatite C ou nas
enfermidades oncolóxicas; e que garanta unha atención máis
personalizada”, explicou.
Conscientes de que a Sanidade pública,
como o resto dos servizos, só pode funcionar da man dos seus
profesionais, recalcou a necesidade: de ampliar as plantillas nas
especialidades con maior déficit de efectivos, “para o que seguiremos
persuadindo ao Goberno central”; de seguir traballando para que teñan
empregos estables como o contrato de estabilidade para a Atención
Primaria, “e tamén faremos contratos estables para a enfermaría”; e de
que Galicia poida ter as mesmas opcións de contratación que moitas
autonomías -por exemplo, as mesmas competencias que ten o País Vasco
para homologar titulados estranxeiros-.
Galicia, a comunidade que máis apoie aos mozos
Se
ben non somos a comunidade con máis mozos, Feijóo aseverou que Galicia
si quere ser a autonomía que máis os apoie para que vivan, traballen e
teñan aquí o lugar para desenvolver as súas vidas e o seu futuro. Co
este obxectivo, apostou por non quedar atrás naquelas materias que
garantan as maiores oportunidades no futuro, impulsando unha educación
adaptada ao mercado laboral: consolidando, por exemplo, a Educación STEM
e a súa vinculación con aquelas carreiras universitarias de maior
saída; continuando coa estratexia de FP; e a través dunha
especialización universitaria para dar graos especializados.
Entre
as medidas específicas, Feijóo explicou ademais que xa se está a
traballar en axudas para que os mozos poidan sacar o carné de conducir;
en ampliar as opcións de ocio máis aló do período estival ou en estender
a gratuidade do transporte público para os mozos co acceso á Tarxeta
Nova ata os 21 anos. Logo de expoñer a necesidade de aprobar un
Plan para o Emprego do futuro, que permita identificar os novos perfís
profesionais que se demandarán no futuro, sinalou ademais que nos
próximos meses aprobarase a Lei de Residuos para reducilos nun 15% e a
Estratexia de Economía Circular, para garantir a optimización de
recursos. Todo elo, co fin de darlles ás xeracións máis novas
instrumentos para que poidan reforzar os perfís máis ecoloxistas.
Seguir
reducir os impostos da vivenda no rural, crear novas sendas para peóns e
ciclistas, incrementar a seguridade viaria, finalizando o mapa de
autovías –“como finalizaremos esta semana a Autovía do Morrazo”-,
ampliar as posibilidades de transporte público, apoiar o comercio de
proximidade, potenciar o turismo rural, lograr que grandes proxectos
para o lácteo reforcen esta importante industria para o noso país,
fomentar a calidade do sector vitivinícola ou traballar nunha marca que
distinga a calidade dos nosos produtos agroalimentarios, son todas elas
medidas de distintas áreas, pero que redundan no obxectivo común de que a
Galicia moza que quere o rural teña ademais a certeza de que merece a
pena vivir nel e vivir del.
A Galicia innovadora que pensa en clave intelixente, tecnolóxica e dixital
Na
súa intervención, o presidente da Xunta recalcou que apoiar a
innovación dá resultados e proba diso é que as empresas galegas
aumentaron no 2017 o seu esforzo innovador un 20,2% –moi por riba do
conxunto de España, 8,3%-. “Pero cómpre que se afonde con máis
intensidade”, matizou, recordando que innovación non só é automoción,
naval, aeronáutica ou Industria 4.0, senón que tamén é: explorar novos
camiños no medio rural e no mar, para obter máis rendemento e mellores
recursos; posibilitar que cada trámite da administración se poida facer
online, para que o 51% dos trámites que hoxe xa se fan por internet
sexan cada vez máis; que cada axuda que se outorgue desde a Xunta sexa
para algo novo e algo mellor -un novo produto, un novo proceso-; ou que
Galicia siga á vangarda tecnolóxica, tal e como se logrou garantindo a
banda larga para todos os galegos, sendo a 3ª Comunidade con máis
cobertura 4G e é a primeira en contar cun Plan 5G.
“E, por
suposto, innovación tamén é innovar nos servizos públicos, onde temos
que apostar máis que nunca pola tecnoloxía, porque é garantía dunha
Educación Pública máis completa, cun equipamento dixital nas aulas ou
conexión 100 megas nos centros. É garantía dunha Sanidade Pública
mellor, a través da historia clínica e da receita electrónicas, así como
do novo aparataxe. É garantía duns Servizos Sociais Públicos máis
eficientes, como demostra a Historia Social. Ou porque é garantía dunha
Xustiza máis áxil, a través de salas de vista dixitais ou coa sede
electrónica xudicial”, abundou. Para o responsable do Goberno
galego é imprescindible pensar a industria e o comercio en clave
intelixente, pensar os sectores primarios en clave tecnolóxica, pensar
os fogares en clave dixital, sempre con garantías e con seguridade, pero
sen deixar atrás esta nova realidade.
A Galicia verde, unha Galicia máis orgullosa de si mesma e con máis autoestima
Coa
mirada posta no cuarto e último eixo, a Galicia verde, Feijóo avogou
por reforzar unha conciencia colectiva que é cada vez máis forte, para
que Galicia sexa a Galicia máis ordenada da nosa historia. “Temos un
corpo normativo ambicioso para conseguilo”, matizou, engadindo que isto
significa ademais priorizar a rehabilitación e combater o feísmo,
apoiando e liderando os proxectos que poidan ser exemplares para o
conxunto da sociedade.
Así mesmo, incidiu en que reforzar a
Galicia verde tamén significa protexer a nosa terra: protexela de quen a
quere atacar, tendo a política forestal presente en todos os
departamentos porque a loita contra os incendiarios non é un problema
exclusivo das políticas de Medio Rural. Protexela dos riscos máis
evidentes, como o cambio climático, especialmente na xestión da auga, “e
por iso presentaremos un instrumento que se ofrecerá a todas as
administracións públicas para xestionar de común acordo todas as
políticas de abastecemento e saneamento de Galicia”. E protexela tamén
cunha aposta ampliada polas enerxías renovables, así como con medidas de
transporte público e de mobilidade, cun novo plantexamento máis
ambicioso. Todas elas serán medidas que teñen efectos económicos e
sociais evidentes, pero que tamén contribuirán a facer unha Galicia
máis orgullosa de si mesma e con máis autoestima.
Unha Galicia con capacidade para liderar, ser referente de progreso e de calidade
Na
segunda parte da súa intervención, o presidente do Executivo autonómico
lembrou que a Galicia da nova década estará marcada por dous Xacobeos:
2021 e 2027. Pero máis aló da preparación destes eventos, fixo fincapé
en que a Galicia Xacobea da próxima década ten que ser a mellor Galicia
da súa historia para os galegos.
“Unha Galicia que non se conforma
con converxer, senón que lidere; que non se conforma con reter, senón
que atrae; que non se conforma con conservar o que ten, senón que
potencia o que ten; e que non se conforma simplemente con resistir,
senón que encara retos novos”, afirmou, sostendo que a experiencia máis
recente permitiu consolidar unha Galicia con capacidade para liderar,
para ser referente de progreso económico e de calidade do benestar das
familias.
Ao respecto, referiuse a numerosos exemplos que
demostran que a Comunidade ten capacidade e potencial para situarse á
vangarda daqueles eidos que nos propoñamos. E, entre eles, destacou que
en materia de urbanismo fomos capaces de substituír o desinterese e o
descoido por un corpo normativo completo que desbota o feísmo e aposta
pola construción racional. E, no cumprimento das normas de calidade da
auga que marca a UE, salientou que estamos a un paso de alcanzar a meta.
Así
mesmo, asegurou que, neste anos, pasamos de non ter ningún centro
plurilingüe a contar con 324 na actualidade, así como a reforzar e
mellorar a FP. Na última década as universidades lograron actuar como
unha soa, especializándose e colaborando cada vez con maior intensidade;
e, pese á crise, logramos impulsar a “construción” dun novo Servizo
Galego de Saúde.
“Creo, polo tanto, que quedou lonxe esoutra
Galicia que ía sempre por detrás doutras comunidades autónomas”, dixo,
ao tempo que insistiu en que para acadar esa Galicia de máis calidade, é
necesaria a implicación de todo o pobo galego e do seu goberno: “Con
máis ambición, con máis intensidade no cumprimento das nosas obrigas,
cunha política máis próxima e máis sensible cara á xente e con orgullo
de ser os servidores dos galegos”.
A Galicia da nova década, máis que nunca Galicia Calidade
Neste
mesmo sentido, engadiu que a Galicia da nova década ten que ser, máis
que nunca, Galicia Calidade: “Calidade para os de fóra; un destino
turístico distinto, con produtos excelentes e cun emprego de maior
calidade. E, calidade tamén para os galegos, con mellores servizos
públicos, con mellor emprego, con políticas sociais que non deixen
tirado a ninguén, con maior conciliación e coa mellor Sanidade pública
que nunca tivo”.
Feijóo concluíu afirmando que esta Galicia é unha
obra colectiva, e a Xunta estará ao carón dos galegos para acadala.
“Unha Galicia máis familiar, moza, innovadora e verde... Non son
obxectivos dunha ideoloxía, dunha corrente ou dun goberno concreto, son e
teñen que ser os obxectivos de toda unha Comunidade autónoma”,
sentenciou, insistindo en que para acadalo, os galegos contan cun
goberno formado por un equipo con experiencia e que se esforza.
“Isto
vai máis alo de partidos e de siglas. Este proxecto vai máis aló das
lexislaturas, non pensa nos dez anos dunha etapa e transcende as persoas
que agora ocupamos postos temporais. Este proxecto mira con seguridade,
confianza e ambición cara á próxima década e encáraa”, abundou,
aseverando que neste proxecto estamos “todos a unha” porque ten un nome
que nos convoca a todos e que precisa de todos: Galicia.