Noticia patrocinada por IdoVisual | A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto
promovido pola Xunta en colaboración con 20 salas de 14 localidades,
achégalle ao público unha oferta de 199 concertos de 54 solistas e
grupos, maioritariamente galegos. A programación, que arrancou a
mediados deste mes de xuño e se estenderá ata decembro, conta cun
orzamento de máis de 170.000 euros, dos que un 90% é asumido pola
Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das
Industrias Culturais (Agadic), mentres que o 10% restante corre a cargo
dos locais asociados.
A Administración autonómica mantén, así, a
súa aposta por este circuíto de música, tras a renovación acometida o
ano pasado ao aumentar nun 105% o investimento destinado á contratación
de grupos e ao introducir unha serie de cambios consensuados coas
principais asociacións do sector para reforzar os estándares de
profesionalidade das salas galegas de música en directo.
Ademais, a
súa actividade anual súmase á dos outros tres circuítos de espectáculos
que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega
de Salas e Cultura no Camiño) no sentido de favorecer a circulación dos
espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia, ademais de lle
achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural
e aberta.
Música nas catro provincias
En concreto, a
programación de 2019 da Rede Galega de Música ao Vivo desprégase en
vinte salas de 14 concellos, que suman unha capacidade total para máis
de 3.000 persoas: BâBâ Bar, Café-Concerto Jazz Filloa e Sala Garufa Club
na Coruña, A Pousada das Ánimas en Boiro, SalaSon en Cangas, Sala
Super8 en Ferrol, A Ventana en Laxe, Club Clavicémbalo en Lugo, A
Fundación e Pub Gatos en Melide, Var con Uve en Moaña, Sala Baranda no
Barco de Valdeorras, Náutico no Grove, Borriquita de Belém, Casa das
Crechas e Moon Music Club en Santiago de Compostela, La Fábrica de
Chocolate Club e La Pecera en Vigo, Sala Bianco Sama en Vilagarcía de
Arousa e Arca da Noe en Vilar de Santos.
Os carteis ofrecidos por
estes locais no marco da Rede Galega de Música ao Vivo reflicten unha
gran variedade de estilos, que van do rock e pop ao jazz, pasando pola
canción de autor, o folk ou o punk, entre outros. Desta volta, a
programación concédelle todo o protagonismo ás bandas e intérpretes
galegos, que ocupan a carteleira xunto a Anarchicks, trío feminino
portugués de punk-rock.
Oito actuacións en xuño
Maneiro, o
proxecto musical en solitario do cantante de Herdeiros da Crus, foi o
encargado de abrir esta nova xeira do circuíto o pasado día 15 na Sala
Super8 de Ferrol. A programación continuará mañá, Día Europeo da Música,
con Igloo na Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa, o sábado 22 coa Bakin
Blues Band no Náutico do Grove e con Tregua na Super8 ferrolá, onde o
domingo 23 actuará N.E.O. Xa a semana que vén e para rematar xuño,
será a quenda de Lesuit na Bianco Sama (día 27), Dakidarría na Súper8
(día 28) e Maneiro no Náutico (día 29).