A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional,
Carmen Pomar, reivindicou hoxe no Parlamento o sistema educativo galego
como modelo de ensino para o novo Goberno central. A titular de
Educación situou Galicia como referente no plurilingüísmo equilibrado
nas aulas e na investigación científica e universitaria, e insistiu en
que lle demandará ao Estado unha ABAU equitativa, a mellora da formación
e o acceso á profesión docente e unha maior aposta pola inclusión.
Pomar
fixou así a posición de Galicia de cara á que vén sendo a súa principal
reivindicación desde que asumiu o cargo: a recuperación do pacto pola
educación en España, no que se estaba a traballar ata a chegada de Pedro
Sánchez ao Goberno. “Galicia quere defender as súas singularidades e o
seu modelo, ademais de asegurar o financiamento que merece”, sinalou.
Nesta liña, avanzou que solicitará un encontro cos ministros competentes
na materia para abordar estas cuestións en canto se constitúa o novo
Goberno estatal.
Na comparecencia a petición propia para facer
balance do curso que vén de rematar, Carmen Pomar salientou a
normalidade coa que transcorreu o período lectivo no conxunto dos
centros educativos de Galicia. “Tanto a actividade lectiva coma os
servizos educativos cubriron a demanda e as necesidades con estándares
acaídos”, indicou.
A conselleira sinalou a Galicia como “a
comunidade autónoma que máis axuda ás familias a afrontar o curso
escolar”. Segundo explicou, faino a través dun transporte escolar de
balde para uns 90.000 alumnos e alumnas de 774 centros públicos, un
comedor escolar baseado no pagamento por renda familiar (o pasado curso a
Administración autonómica atendeu 61.500 usuarios nos 437 comedores
xestionados pola Consellería) e a gratuidade solidaria para os libros de
texto, con 135.757 alumnos beneficiados a través do fondo ou das
axudas.
O incremento do plurilingüísmo, do ensino dixital e da
inclusión, así como o impulso á Formación Profesional e a posta en
marcha do Plan de Dinamización da FP Dual foron algúns dos avances deste
curso abordados pola conselleira. Carmen Pomar referiuse tamén á
mellora dos centros de ensino e destacou que só neste primeiro semestre
do ano o volume de adxudicacións da Consellería ascende a 46 obras,
vinculadas ao Plan de dotación de infraestruturas educativas 2016-2021
ou aos fondos do superávit, por importe de 47,3 millóns de euros.
Curso 2019-2020
No
que respecta ao vindeiro curso, 2019/20, a Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional vai centrar os seus esforzos na
inclusión e na orientación. Así, estase a definir a estratexia de
inclusión, dirixida tanto a docentes como a familias e na que se
enmarcan varios protocolos de atención educativa ao alumnado. Nesta
liña, Carmen Pomar insistiu tamén en que se reforzarán o apoio aos
centros na mellora dos seus plans de convivencia e a activación de
medidas formativas de cooeducación, igualdade e loita contra a violencia
de xénero.
A aposta pola orientación virá marcada polo Plan para a
dinamización da orientación vocacional e profesional, con formación
para o profesorado e para os equipos de orientación. Nesta liña, Carmen
Pomar anunciou que o seu departamento traballa na dotación progresiva
dun segundo orientador nos centros de ensino secundario con máis
alumnado.
A Formación Profesional é outro dos eixes prioritarios
de acción para o departamento educativo da Xunta, coa definición e
execución da Estratexia galega de FP 2020-2030. O obxectivo é mellorar
as competencias profesionais e de emprendemento, con especial atención á
FP Dual, á internacionalización, á maior implicación do tecido
empresarial e á promoción da innovación, entre outros aspectos. Neste
sentido vai ter un papel fundamental o futuro Centro Galego de
Innovación da FP, que comezará a construírse en Ourense en setembro e
estará xa operativo en 2020.
Universidade
No eido
universitario, a conselleira referiuse ao curso que vén de rematar como o
da “estrea formal e executiva de dous documentos fundamentais para o
Sistema Universitario de Galicia: a mellora do Mapa de titulacións e o
Plan de excelencia universitaria”, impulsados desde a Consellería “para
avanzar na mellora permanente e nun proceso de colaboración
interuniversitaria único en España”, sinalou.
Así, ao abeiro
destas iniciativas, implantáronse 5 novos graos (Biotecnoloxía,
Criminoloxía e o interuniversitario Paisaxe na USC; Xestión industrial
da Moda e o interuniversitario Paisaxe na UDC; e Enxeñaría Biomédica en
Uvigo); ofertáronse catro graos con grupos en inglés e impulsáronse
cursos de xestión estratéxica nos centros de investigación. A creación
dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario
oficial é outra das medidas de recoñecemento á excelencia, á que a
Consellería destina 440.000 euros para dotar con 1000 euros os
estudantes con mellores expedientes.
Salientou tamén o apoio que
está a darlles a Xunta aos universitarios galegos, ao manter os prezos
públicos de matrícula universitaria máis baixos de España e a concesión
de axudas complementarias ás bolsas do Ministerio. “As distintas
convocatorias de axudas da Consellería acadan anualmente os 1600
beneficiarios”.
O reforzo da investigación universitaria de
Galicia é outro dos eixes fundamentais das políticas universitarias,
segundo explicou Carmen Pomar. Nesta liña, referiuse ao compromiso do
seu departamento cos case 500 mozos e mozas investigadoras que dispoñen
dunha carreira formativa de ata 8 anos, con contratos asumidos
integramente pola Administración autonómica, e aos 214 grupos de
referencia competitiva e con potencial de crecemento, así como aos 5
centros singulares de investigación, 9 agrupacións estratéxicas
consolidadas ou en formación e un María de Maeztu.
Canto ao curso
universitario 2019/20, ademais de avanzar na implantación do Mapa de
titulacións con 4 novos graos (Ciencia e Enxeñaría de Datos; Creación
Dixital, Animación e Viodeoxogos; e Xestión Dixital de Información e
Documentación na UDC e Robótica na USC), rexistrarase por primeira vez
en moitos anos un incremento de prazas en nove graos cunha alta taxa de
graduación e empregabilidade. “Froito destes axustes, autorizados tendo
en conta o equilibrio da oferta no conxunto do SUG, agárdase que, por
primeira vez en Galicia, a taxa de cobertura das prazas ofertadas supere
o 90%”, destacou a conselleira.
Por outra banda, seguiranse dando
pasos significativos no proceso de acreditación dos Campus de
Especialización, pioneiro a nivel estatal e que, unha vez superado, lles
garantirá aos campus durante tres anos os recursos incluídos no seu
plan operativo, a través dun convenio coa Consellería. No vindeiro curso
tamén se concretará a liña de financiamento estable dos centros de
investigación para o período 2019-2022 e se potenciará a captación e
retención de talento, con axudas á contratación de investigadores
posdoutorais, baixo a modalidade de investigadores distinguidos.