Noticia patrocinada por IdoVisual | A Consellería de Cultura e Turismo
impulsa o novo talento audiovisual galego a través dunha liña específica
de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que
acaba de resolver a súa convocatoria de 2019 coa adxudicación de
156.000 euros a 15 novos proxectos de escrita de guión e de produción de
curtas e longametraxes.
Esta contía supón un incremento no
orzamento destas axudas do 7,5% respecto a 2018, aumento que permitiu
apoiar dous proxectos máis que en anos anteriores. En concreto, 30.000
euros destínanse á escrita de seis guións de longametraxes
cinematográficas en galego, 36.000 euros á realización de seis
curtametraxes en versión orixinal galega e 90.000 euros a tres proxectos
de longametraxes con dirección novel.
Proxectos
Neste
último apartado, apóianse con 30.000 euros cada unha das propostas de
tres realizadores que están a dar os seus primeiros pasos no formato de
longa duración: O auto das ánimas, segunda longametraxe de Diana Toucedo tras o seu debut con Trinta lumes; Luz Fandiño, a poeta analfabeta, documental de Sonia Méndez; e Jacinto, de Vizuals Lab con dirección de Javi Camino.
Outros 30.000 euros repártense a partes iguais entre as seis propostas de escrita individual de guión seleccionadas: Antoloxía de inverno, de Lara Bacelo; As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns; Algo parecido á felicidade, de Álvaro Gago; Fame e febre, de Javier Ferreiro López; Queroseno, de Eloy Domínguez Serén, e Insectos, de Alfonso Vázquez Cortizo.
Os
36.000 euros restantes distribúense entre outros seis proxectos de
realización de curtametraxes, que contarán con 6.000 euros en cada caso.
Trátase de Mércores de cinza, de Nuria Mosqueira; Hai unha virxe alí arriba, de Brandán Cerviño; A miña terra, de Santiago Diéguez Risco; Monte Bravo, de Noelia Muíño; Unha noite marabillosa, de Iván Torres Hernández, e Unidade veciñal, de Antonio García Mejuto.
Estas
axudas ao talento da Xunta, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama
audiovisual español, buscan favorecer a incorporación da nova creación á
industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas
narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao
enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de
expresión audiovisual. A resolución da súa convocatoria de 2019 pode
consultarse nas seccións de Avisos e Axudas da web da Agadic.