A portavoz nacional, Ana Pontón,
citou a Cicerón para advertir contra a política sen principios, -“cando os
políticos non ser rexen pola ética son como hienas á caza do poder”-, para denunciar que Galiza non se merece un
presidente “sen palabra, disposto a manterse no poder custe o que custe” como
ven de demostrar en Ourense.
“Vivimos
tempos nos que é necesario dignificar a política e recuperar o seu verdadeiro
significado, e para iso é imprescindíbel o valor da palabra, que o que se di se
corresponda co que se fai”, alegou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo,
para denunciar que Feijóo fixo xusto o contrario.
“Para
Ourense sería letal ter a Jácome como alcalde, una persona histriónica, lo
contrario de una ciudad abierta y cordial. Lamentablemente fuera nos empiezan a
conocer por eso … nos preocupa, porque nos da mala imagen”, salientou
recollendo as declaracións do presidente galego nunha entrevista de prensa.
Pero, indicou, “ese político letal,
histriónico e contrario a unha cidade aberta e cordial é alcalde de Ourense por
obra e gracia dos votos do PP. Un cambalache que provoca vergoña allea e deixa
claro que a súa palabra non vale nada e que practica a peor das políticas, a
que ten como único obxectivo manterse na poltrona a toda costa porque é un xonqui do poder”.
Pontón afondou na gravidade desa falta
de principios en quen ocupa a máxima responsabilidade de goberno. “Cando o poñemos contra o espello das
súa palabras o que constatamos é algo moi preocupante para este país: que temos
un presidente da Xunta que tanto di unha cousa como fai a contraria e non
podemos crer na súa palabra. Non é o presidente que precisa Galiza”, sentenciou,
convencida de que os galegos e as galegas “vanlle poñer as maletas na porta”
nas eleccións de 2020.
E para tapar esa realidade, salientou a
líder do Bloque, Feixóo volveu recorrer “á propaganda e á publicidade”, nesta
ocasión co agravante de utilizar as institucións de goberno como plataforma
electoralista. “Como non ten palabra continuamente ben
aquí a repetirnos as mesmas promesas e o pasado xoves o que fixo foi un acto
preelectoral na sede da Xunta, e se
tivese tanto que ofrecer non suspendería o Consello de goberno onde se poden
tomar decisións para dar un mitin na sede da Xunta”, criticou, “nun intento desesperado de tapar a realidade do seu fracaso
porque é o peor presidente da historia de Galiza, como demostra a sangría
migratoria da xente moza que está detrás da crise demográfica ou o deterioro
dos servizos públicos”.
Actuación de parte do presidente da Cámara
Como é habitual nas sesión de control,
Feixóo eludiu dar explicacións e aproveitou o turno de peche para acusar ao BNG
de ser morno na condena do terrorismo, unha acusación que a líder nacionalista
considera intolerable e que suscitou unha cuestión de orde por parte de Ana
Pontón para pedir a retirada desas declaracións, petición que non foi atendida
polo presidente da Cámara.
Por iso, a formación nacionalista vai
presentar unha queixa formal ante a Mesa do Parlamento pola actuación de parte a
favor do PP do presidente Miguel Santalices, que deixa ao BNG en situación de
indefensión parlamentaria. O Bloque contrapón esta negativa de
Santalices a atender a súa petición coa dilixencia que pon para chamar a orde
ou decidir a retirada do diario de sesións cando na Cámara se menciona a
condena por corrupción do PP ou cando se lembran os seus vínculos co Franquismo.
Pero mira para outro lado cando é o PP e o propio presidente da Xunta quen fan
acusacións e insinuacións insidiosas nada menos que nunha cuestión de tanta
gravidade, poñendo en cuestión a coñecida oposición do BNG de total condena de
calquera tipo de terrorismo. Departamento de comunicación / BNG