CERCEDA | As
dependencias do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña)
acollerán o próximo 4 de xullo, entre as 10:00 e as 14:30 horas, un
workshop que, baixo o título “A compostaxe a escala local: compartindo
experiencias”, enmárcase no proxecto europeo de cooperación
transfronteiriza Res2ValHum, que lidera a Universidade do Minho e do que
Sogama forma parte en calidade de socio.
É
o segundo workshop destas características que Sogama leva a cabo en
Galicia co fin de contribuír a dar resposta ao espírito de Res2ValHum,
que non é outro que poñer en valor a materia orgánica a ambos os dous
lados da fronteira a través de diferentes aplicacións e evitar o seu
vertido. O primeiro, cunha excelente acollida, celebrouse na cidade de
Vigo, dando cobertura á zona sur da comunidade galega.
Tralo
rexistro e a entrega de documentación, ás 10:00 horas terá lugar o acto
inaugural, que correrá a cargo do presidente de Sogama, Javier
Domínguez, quen estará acompañado polo director da Agrupación Europea de
Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.
A
conferencia marco será pronunciada por Verónica Tellado, subdirectora
xeral de Residuos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio
Climático da Xunta de Galicia, quen falará das particularidades do plan
galego de xestión de residuos, a folla de ruta a seguir en materia de
compostaxe e os obxectivos futuros nun marco de economía circular.
Aprendiendo a través do intercambio de experiencias
Tras
unha pausa café, abordarase o bloque de experiencias prácticas en
compostaxe doméstica e industrial en Galicia, coas achegas de
representantes da Deputación Provincial de Ourense, o Concello de
Carballo e o Concello das Pontes de García Rodríguez. As tres entidades
darán conta dos seus proxectos, como evolucionaron, con que dificultades
se atoparon e como as solventaron a fin de que a compostaxe doméstica
se vaia afianzando nas súas respectivas áreas de influencia.
Pola
súa banda, Eduardo Soler, Director da Sociedade de Actuacións
Medioambientais Limonium, con sede en Tarragona, explicará como está
encaixando o compostaxe, tanto doméstica como industrial, en
determinados municipios desta provincia catalá, e o grao de éxito da
distintas iniciativas desenvolvidas. Portugal terá voz a través do Dr. Joao Graça, quen falará da estratexia de Lipor na valorización da materia orgánica.
Innovación tecnolóxica a pé de obra
Tralo
coloquio e quenda de preguntas, os que así o desexen terán a
oportunidade de visitar a nova planta de recuperación de materiais
contidos no lixo en masa, e que entrou en operación o pasado mes de
novembro, posibilitando, coa incorporación das mellores tecnoloxías
dispoñibles, e en liña coa industria 4.0, a selección automática de 11
tipoloxías de residuos para propiciar o seu reciclado.
Esta
instalación, que forma parte do proxecto de ampliación do complexo
cercedense, do mesmo xeito que a remodelación da antiga planta de
reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, fará posible que
Sogama poida tratar en condicións óptimas os residuos producidos polos
295 concellos adscritos ao seu modelo, ademais de multiplicar por catro a
súa achega á reciclaxe e reducir o uso do vertedoiro ata chegar en 2020
ao vertido técnico cero. Formalizar inscricións