A Consellería de Sanidade vén de
publicar no Portal de Transparencia o texto do proxecto do novo Decreto
de sanidade mortuoria de Galicia que modificará, unha vez aprobado, o
texto legal actualmente vixente. Entre as principais novidades está a
regulación dos crematorios, a modificación dos requisitos para
exhumacións e a creación dun rexistro de empresas e establecementos
funerarios en Galicia. Contémplase igualmente a posibilidade de eximir
do uso do féretro para enterramentos cando se demande por razóns de
confesionalidade.
No que atinxe aos crematorios, o novo texto
normativo especifica que os de nova construción deberán gardar unha
distancia mínima de 200 metros respecto a urbanizacións, vivendas,
residencias, centros sanitarios e educativos, instalacións deportivas e
outras de carácter similar. Aqueles crematorios que xa estiveran en
funcionamento antes da entrada en vigor do novo texto, e que non cumpran
a distancia mínima, deberán presentar un estudio de dispersión de
contaminantes á atmosfera, ao obxecto de comprobar que os gases que se
emitan á atmosfera non sexan perigosos para o entorno no que se atopan.
No
tocante ás inhumacións e exhumacións, o decreto introduce como novidade
a posibilidade de inhumar os cadáveres sen féretro para os casos nos
que por razóns de confesionalidade así se demande. Trátase de dar
solución ás costumes das crenzas relixiosas nas que o enterramento do
cadáver faise directamente en contacto coa terra (caso, por exemplo, dos
musulmáns).
Outra novidade neste apartado é que desaparece a
autorización previa de Sanidade para proceder a exhumación de cadáveres e
restos cadavéricos. Esta autorización sanitaria previa substituirase
pola declaración responsable. Estarían exentas as reinhumacións de
restos cadavéricos que tiveran lugar no mesmo cemiterio.
Censo de prestadores de servizos funerarios
O
documento contempla tamén a creación dun censo de prestadores de
servizos funerarios, no que se inscribirán as empresas funerarias,
tanatorios, velatorios e crematorios de Galicia. Non só facilitará a
información entre autonomías, senón que, en base a unha maior
transparencia e publicidade, unha vez elaborado, o listado estará a
disposición da poboación en xeral na páxina web do Sergas.
Finalmente,
modifícase o regulamento dos enterramentos en lugares especiais
(naqueles lugares de culto e recintos institucionais de especial
relevancia histórica e ou artística). Neste senso, elimínase a
autorización sanitaria requirida no actual texto normativo para aqueles
lugares xa existentes. E, no tocante aos de nova construción, serán os
concellos nos que estean situados os encargados de instruír e resolver
os expedientes e de outorgar a correspondente licenza. Sanidade emitirá
un informe que terá carácter preceptivo.
Subliñar que gran parte
das modificacións e novidades recollidas no texto do proxecto do novo
Decreto de sanidade mortuoria de Galicia baséanse nos aspectos
sanitarios sobre esta materia recollidos na Guía de consenso sobre
sanidade mortuoria, aprobada o pasado ano na Comisión de Saúde Pública
do Sistema Nacional de Saúde, na que participaron representantes das
Comunidades Autónomas.