Os fogares galegos aforraron o pasado ano 99 millóns de euros grazas
ás baixadas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia nos Impostos sobre
Sucesións e Doazóns e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos
Xurídicos Documentados, tal como reflicten os datos definitivos da
memoria da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) do exercicio 2018.
En
concreto, estes 99 millóns correspóndense coas baixadas aprobadas pola
Xunta no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, que fai que máis do 99% dos
galegos xa non paguen este imposto cando reciben unha herdanza dun
familiar directo; e coa rebaixa no Imposto sobre Transmisións
Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados a través do Programa de
Impostos Cero no rural, pioneiro en toda España. Estes 99 millóns son
recursos que quedaron en mans dos fogares galegos co obxectivo de
reactivar o consumo interno e manter íntegro o patrimonio das familias
en caso de perda dun familiar directo.
Ademais, a memoria da
Atriga confirma que a Xunta aflorou 180,1 millóns de euros de débeda non
declarada a través das actuacións de control fiscal que realiza este
organismo, cun aumento do 25% respecto a 2017, un incremento que se debe
ao efecto positivo das actuacións iniciadas pola Administración galega
nos últimos anos e finalizadas no ano 2018.
En 2018, a Atriga
efectuou 315.000 comprobacións de autoliquidacións de impostos, tanto do
imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados
(ITP-AXD) como do imposto sobre sucesións e doazóns (ISD), os tributos
que concentran a maior parte dos ingresos tributarios xestionados pola
Xunta.
Logo deste proceso de comprobación, a Atriga practicou
23.396 liquidacións, das que 15.097 foron no imposto de transmisións
patrimoniais e actos xurídicos documentados e 8.299 no de sucesións e
doazóns, o que permitiu aflorar 64,9 e 28,3 millóns de euros,
respectivamente. Outros 2 millóns aflorados correspóndense coas
transmisións de vehículos e os impostos de xestión centralizada, e 1,8
millóns por procedementos sancionadores.
93% de autoliquidacións correctas
A
memoria ratifica que en 2018 o 93% das autoliquidacións revisadas pola
Administración galega eran correctas e non precisaron modificacións, e
só no 7% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este
indicador coincide co do anterior exercicio –o 92% de autoliquidacións
correctas-, polo que se ratifica que a inmensa maioría dos contribuíntes
en Galicia pagan correctamente os seus impostos.
No eido da
inspección, en 2018 a Atriga realizou 1.121 actuacións de inspección
-incluíndo actas de inspección e procedementos sancionadores-, o que
permitiu acadar un importe de 83,1 millóns. Respecto ás valoracións, o
número de bens valorados pola Atriga ascendeu a 597.060, practicamente o
mesmo número que en 2017. Ademais, a memoria da Atriga reflicte a
concesión de case 2.900 aprazamentos e fraccionamentos no pagamento de
impostos autonómicos, por un importe de 20,8 millóns. O número de
aprazamentos concedidos baixou un 7% sobre o anterior pola baixada na
cifra de solicitudes.
Récord de confección por vía electrónica
A
memoria da Atriga tamén mostra que o 81,1% das autoliquidacións de
impostos no ano 2018 foron confeccionadas por vía electrónica, fronte ao
18,9% que foron confeccionadas en papel. Esta porcentaxe supón un
récord na historia da Axencia Tributaria de Galicia, ao superar a cifra
do ano anterior (69,9%) e a de todos os exercicios precedentes