O luns a partir das 05,00 horas comeza
en Galicia a campaña extractiva do polbo e prolongarase ata a data de
inicio da veda do ano 2020 que se fixará polo correspondente plan que se
publicará antes da seguinte veda. Así o especifica a resolución do plan
experimental para a xestión desta especie para a campaña 2019/2020.
Ademais, tal e como establece o plan xeral de explotación marisqueira
deste ano, mañá tamén comeza a campaña extractiva da nécora e do
lumbrigante, que permanecerá autorizada ata o vindeiro 31 de decembro,
día incluído.
En canto ao polbo, o plan consensuado pola
Consellería do Mar e o sector para esta especie permanecerá vixente ata
que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda.
Segundo establece este documento, a partir do día 1 de xullo -data na
que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta
especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade
engádenselle 30 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo,
ata un máximo de 210 quilogramos ao día. No resto de campaña a cota
máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se
lle engaden 50 quilogramos ao día por cada tripulante enrolado a bordo,
ata un máximo de 350 quilogramos por día.
O horario de traballo
das embarcacións con nasa para polbo iniciarase ás 06,00 horas -aínda
que poden saír do porto ás 05,00 horas- e finalizará ás 16,00 horas.
Mentres, o descanso semanal desenvolverase desde as 16,00 horas do
venres ata as 06,00 horas do luns. O número de nasas permitido queda
establecido en función do tamaño da embarcación e do número de
tripulantes enrolados.
En canto ao réxime de calamento das nasas
de cabo Silleiro a Corrubedo, os aparellos terán que levantarse do seu
calamento e levarse a porto todos os días coas seguintes excepcións: na
zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira aquelas que estean establecidas
en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calado sen
ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal. O
mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña
ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu
caladoiro sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.
Na
zona de Con da Aguieira a Cabo Corrubedo, ata o 1 de outubro terán que
levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data ata o
inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán permanecer caladas
incluso durante o período de descanso semanal. No resto do litoral
galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a
porto, incluso durante o período de descanso semanal.
A actividade
será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a
cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos
gardapescas das confrarías e os servizos contratados ao efecto.
Nécora
En
relación coa nécora, as medidas de xestión para a súa explotación
desenvólvense nun plan experimental para a xestión desta especie e do
camarón coa arte de nasa nécora e camarón. A vixencia deste plan é ata o
30 de xuño de 2021.
Nel establécese o número de nasas permitido
segundo o tamaño da embarcación e o número de tripulantes enrolados e a
bordo. Ademais especifica que o horario de lance de nasa nécora e
camarón será nocturno con excepcións na ría de Arousa e de Vigo, nas que
o calamento tamén poderá ser diúrno. Unha vez cumprido o horario de
traballo, deberán ser levadas a porto diariamente.