O director xeral da Axencia Galega de
Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, participou hoxe na
inauguración do curso de extensión universitaria Comedores Escolares
Ecolóxicos, que se celebra no concello de Allariz. O curso, organizado
pola Universidade de Vigo, conta coa colaboración do Grupo de
Desenvolvemento Rural das Mariñas-Betanzos, que desenvolveu no seu
momento unha das iniciativas piloto de comedores ecolóxicos nunha escola
infantil da cidade da Coruña. A outra iniciativa deste tipo tivo lugar
neste concello ourensán a través da Reserva da Biosfera de Allariz.
Así,
durante a súa intervención o director da Agader sinalou que a
Consellería do Medio Rural aposta por este tipo de iniciativas para
conformar un rural activo, que permita un tecido socioeconómico estable e
sostible e que traballe ademais a prol das estratexias de loita fronte
ao cambio climático. Para iso, indicou tamén que a intención é traballar
coas consellerías de Educación, Sanidade, Mar e Medio Ambiente en
Galicia, co obxectivo de mellorar os hábitos alimentarios, especialmente
dos máis pequenos, ao tempo que se apoia ao medio rural galego de xeito
sostible.
Nesta liña, Miguel Pérez Dubois explicou que, coa
introdución de alimentos ecolóxicos de proximidade nos comedores
escolares, estamos a traballar nun conxunto de obxectivos moi ambiciosos
e relacionados entre si como son o fomento de hábitos alimentarios
saudables e sostibles, a potenciación dos sistemas de produción
ecolóxica, a diminución da pegada ambiental dos sistemas alimentarios e o
apoio á economía local, desenvolvendo socioeconomicamente a contorna.
Por
todo iso, o director xeral trasladou o seu agradecemento á Universidade
de Vigo por organizar este curso, que se prolongará toda a semana.
Tamén agradeceu á Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos
como principal entidade colaboradora, así como ao concello de Allariz
como anfitrión do mesmo.