A secretaria xeral da Igualdade, Susana
López Abella, compareceu hoxe no Parlamento galego para facer balance
das axudas periódicas destinadas a mulleres vítimas de violencia de
xénero entre 2017 e 2018. Destacou tamén que neste 2019 o orzamento
destinado a este fin ascende a 5,1 millóns de euros, a contía máis alta
desde que as axudas se puxeron en marcha en 2006.
Durante a súa
intervención, López Abella fixo un percorrido polos requisitos, contías e
modificacións que se teñen realizado nesta liña de axudas desde 2006.
Ao respecto, sinalou que desde ese ano e ata 2018 destináronse máis de
33,6 millóns a estas prestacións, o que permitiu atender a 4.338
mulleres. Destas, 1.748 proviñan da provincia da Coruña (40,29%); 1.559
de Pontevedra (35,94%); 557 de Ourense (12,94%); e 474 de Lugo (10,93%).
Posteriormente,
a secretaria xeral realizou un balance polo miúdo dos dous últimos
anos. En 2017, un orzamento de algo máis de 4 millóns de euros permitiu
atender a 417 mulleres vítimas de violencia de xénero: o 52% delas
residían en núcleos urbanos moi poboados, e o 25% en zonas rurais
despoboadas. En canto á nacionalidade, o 80% eran españolas e polo menos
o 60% tiñan algún fillo ao seu cargo. Ademais, deste total, só dous
casos proviñan das vítimas de trata con fins de explotación sexual, que
tamén teñen dereito a percibir esta axuda. En canto á situación laboral,
o 85% por cento das beneficiarias estaban en situación de desemprego.
En
2018 o investimento destinado ás prestacións periódicas superou
lixeiramente os 4,6 millóns de euros e as beneficiarias foron 583
mulleres, isto é, 166 máis que en 2017. En canto á distribución
territorial mantívose a tendencia do ano anterior: o 49% residía en
núcleos urbanos moi poboados, e o 25%, en zonas rurais pouco poboadas.
Ademais, o 76% foron españolas e o 23% de nacionalidade estranxeira. De
novo, ao redor do 60% tiña algún fillo a cargo. Na convocatoria do ano
pasado acreditáronse un total de 6 vítimas de trata con fins de
explotación sexual. A tendencia en canto á situación laboral tamén se
mantivo: de novo un 84% estaba sen emprego, de aí a importancia
deste tipo de axudas económicas que permiten á muller romper coa
situación de violencia.
Axudas de entre 300 e 800 euros
A
axuda consiste nunha contía económica que se percibe mensualmente, e que
oscila entre os 300 e os 800 euros, en función dos ingresos da persoa
beneficiaria, dos fillos/as menores ao seu cargo ou que padeza algún
tipo de discapacidade.
Nesta convocatoria para 2019, as axudas
económicas incorporaron tamén outras dúas novidades, ademais do aumento
do orzamento ata os 5,1 millóns. Ampliáronse as beneficiarias
potenciais: por unha banda, incluíuse a aquelas persoas con ingresos
menores ou iguais a 2 veces o IPREM (ata agora este límite estaba en 1,5
veces o IPREM); e, por outra banda, incorporouse por vez primeira como
potenciais beneficiarias ás vítimas da “violencia vicaria” ou “por
interpósita persoa”, isto é, aquelas mulleres que padezan o asasinato
dos seus fillos/as a mans do maltratador.
Pagamento único e indemnizacións
Ademais
das axudas periódicas, a Xunta tamén ten habilitadas outras liñas de
axuda económica para as mulleres vítimas de violencia de xénero: as de
pagamento único e as destinadas a cubrir indemnizacións. A
primeira liña -a de pagamento único- está destinada ás mulleres con
insuficiencia de recursos e con especiais dificultades para obter un
emprego. Hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica unha ampliación
en 300.000 euros do orzamento destinado a esta liña, de xeito que o
orzamento global ascenderá a un total de 700.000 euros.
Ademais, a
Xunta tamén ten aberta unha liña de axudas para cubrir indemnizacións,
destinada a aqueles casos nos que se teña incumprido por insolvencia o
pago da indemnización á vítima, sempre que esta estea fixada por
sentenza xudicial. O orzamento de todas estas liñas de axudas é ampliable se as solicitudes así o requiren.