Eva Solla, deputada e vicepresidenta do Parlamento de
Galicia, levou hoxe á Comisión de Sanidade unha serie
de preguntas respecto ao “insuficiente” anteproxecto de
Lei Reguladora dos Xogos e Apostas de Galicia impulsado polo Goberno galego
que, segundo valorou, “é unha
cortina de fume, unha fraude que non satisfai as demandas sociais e que semella
ir parella á actitude da Xunta de permitir a expansión do xogo, coñecendo o
problema tan serio que isto significa”, apunta.
“As asociacións para tratar
a ludomanía denuncian que en Galicia xa hai 10.000 menores entre 12 e 17 anos
enganchados ao xogo; é dicir, estamos revivindo na nosa comunidade autónoma un
problema que vivimos nos anos 80 en relación á introdución das drogas na
xuventude precarizada. Neste
momento son precisamente os barrios de traballadoras e traballadores onde máis
implantación hai das casas de apostas”, sinala a deputada.
A deputada mostrouse
preocupada pola cuestión de que a mocidade perciba isto como “un ocio normal”. Un
exemplo desta afirmación é que a normativa que pretende sacar adiante a Xunta “non
introduce ningún tipo de control respecto ao acceso de menores ás máquinas
comecartos. Nós
propoñemos un control por DNI no acceso a estas máquinas, moitas colocadas en lugares
de hostalaría”, di.
Ao seu xuízo é moi importante
desvincular o consumo de alcohol do xogo, é dicir, ten que prohibirse a venta
de alcohol nas casas de apostas, algo que non sae mencionado na Lei Proposta
pola Xunta de Galicia, “o que é unha barbaridade”; xa que “os salóns do xogo non
poden verse como lugares de hostalaría”; sinala.
A proliferación de negocios
de casas de apostas, así como o aumento de usuarios e usuarias nas mesmas
incrementouse notablemente nestes últimos anos. As diferentes normativas que
regulan a materia están quedando obsoletas ante o rápido avance desta
realidade, polo que é importante levar a cabo medidas máis contundentes. “Se
contemplan algún Plan de Prevención de Ludomanía, non vemos nada no seu texto e
nos parece que, sendo un problema incipiente, deberían tomar medidas máis
serias para que as familias non estean desprotexidas”, di Solla.
Respecto á atención
sanitaria ás persoas con ludomanía, “seguimos sen ter integrados dentro do Servizo
Galego de Saúde o tratamento e a prevención de adiccións, non só desta, senón
de todas, pero que no caso da ludomanía non hai unidades específicas onde
acudir, polo que envían a persoas a tratarse a outro tipo de asociacións”,
apunta.
Para Solla, este
é un problema que afecta ás familias e á sociedade. “Terán que ir as familias,
como nos anos 80, colocarse diante nas portas das casas de apostas? Hai que lembrar
que as apostas non son o ocio que queremos para a mocidade, aínda que hai un
ano a Xunta se dedicaba a ampliar o número de casas de apostas”, remata. Departamento de comunicación