A CORUÑA | ABANCA vén de poñer
en marcha unha serie de iniciativas para fomentar o uso do transporte
sustentable e alternativo ao coche entre o seu persoal. Nas súas sedes
corporativas de A Coruña, Madrid e Vigo, a entidade financeira pon a
disposición dos seus empregados e empregadas patinetes eléctricos e
bicicletas para que poidan desprazarse polas citadas localidades. O
banco galego deseñou un sistema de reservas online para que cada persoa
poida xestionar o uso dos vehículos.
Proximamente, nunha segunda
fase, e co obxectivo de fomentar un modo de transporte saudable e
sustentable para ir ao traballo, ABANCA ofrecerá aos seus empregados e
empregadas unha promoción especial para que poidan comprar un patinete
eléctrico e o poidan usar nos seus desprazamentos pola cidade.
A iniciativa ten como finalidade promover o benestar, mellorar a
calidade de vida e concienciar ao persoal no uso de transporte
sustentable e enmárcase dentro do conxunto de accións postas en marcha
pola entidade co obxectivo de contribuír a frear o cambio climático e os
seus efectos. Neste sentido, destacan tamén outras iniciativas
levadas a cabo polo banco que buscan reducir os consumos enerxéticos e
as emisións que se xeran, como o novo modelo de oficina sustentable que
está a implantar na súa rede comercial, ou o fomento da utilización de
sistemas de multiconferencia para evitar traslados físicos.
Compromiso coa sustentabilidade
Con
este conxunto de iniciativas, ABANCA quere impulsar e liderar a
transición cara á mobilidade sustentable como parte do seu compromiso
coa sustentabilidade. Nas renovacións das súas sedes e oficinas, a
sustentabilidade, enfocada ao menor consumo enerxético e doutros
recursos, ocupa un lugar crave entre os principios de xestión de ABANCA.
En 2018 ABANCA logrou unha redución do 2,2% no consumo de papel, do
10,6% no consumo enerxético por empregado, do 8,1% o do gasóleo e do
3,8% nas emisións de CO2 por empregado.
Esta xestión sustentable
permitiu tamén que a sede do banco en Madrid recibise a cualificación
‘Moi Boa’ do Selo Internacional Breeam que valora os proxectos e a súa
execución desde o punto de vista ambiental e de sustentabilidade e que a
renovada sede de RN30 consuma un 15% menos de enerxía cun 35% máis de
persoal que antes da reforma. A preocupación do banco por promover un
modelo de negocio sustentable enlaza cos dous obxectivos de
desenvolvemento sustentable (ODS) ‘Cidades e comunidades sustentables’ e
‘Acción polo clima’, cos que ABANCA está socialmente comprometida. Departamento de comunicación