Baixo o lema Galiza, un novo impuso, o Bloque arranca a campaña de celebración do Día da
Patria cun cento de actos por todo o país para conmemorar unha data emblemática
para o nacionalismo galego, que culminará coa manifestación nacional do 25X en
Santiago, manifestación que un BNG á
alza espera histórica e que constitúe, en palabras do secretario de
Comunicación, Xavier Campos, “o maior acto social de celebración da nación
galega”.
Este 25X, subliñou, ten a particularidade de celebrarse tras saír de dúas
citas coas urnas e encarando ás eleccións galegas, cun BNG á alza e convencido
de que unha maioría social quere abrir un novo tempo político. “Somos unha forza que medra e sabemos que hoxe hai unha maioría de galegos
e galegas que queren abrir un novo ciclo político, que queren ver a Feixóo e a
o PP na oposición, que miran ao Bloque e a súa portavoz nacional, Ana Pontón,
con simpatía e ilusión. A esa maioría social queremos dirixirnos con esta
campaña cunha idea clara: sumar co BNG para darlle un impulso a Galiza e avanzar
no país próspero, soberano e con futuro que queremos”.
Campos foi o encargado de presentar a campaña, graficamente sintetizada nun
mapa de Galiza debuxado a base de pegadas dactilares de distintos tamaños e cores,
“para simbolizar que este é un país plural, diverso, con persoas que temos
diferentes formas de pensar, de sentir e de vivir o noso país”. Unha
pluralidade, recalcou, que hoxe conforma a sociedade galega á que o BNG lle
propón “un novo proxecto de avance colectivo para impulsar a Galiza aberta,
próspera, inclusiva e con dereitos, coa aspiración de decidir plenamente sobre
todo o que nos afecta”.
O Bloque quere aproveitar a celebración do Día da Patria para reforzar a
súa estrutura interna, desenvolvendo en paralelo unha campaña de afiliación co
obxectivo de incrementar en 500 o número de militantes. Hai que ter en conta,
explicou Campos, “que imos celebrar máis dun cento de actos, conferencias,
mesas de debate, festas, encontros por todo o país, o que nos da a oportunidade
de falar directamente con moitas persoas”.
“Somos unha forza coas portas abertas e a man tendida”, destacou o
secretario de Comunicación e, nun momento no que a formación nacionalista está
claramente á alza, “queremos que moitas máis persoas que levan Galiza na cabeza
e no corazón dea o paso de activarse, que se sumen ao BNG para axudar a
construír un país mellor”. Como dato, Campos lembrou que dos 4.000 galegos e galegas que participaron
nas candidaturas municipais do Bloque, o 50% non era militante, “hai un gran
potencial de medre”, concluíu.
Himno a ritmo de hip-hop
Como é habitual tanto nas campañas electorais como na campaña do 25X, o BNG
fai unha aposta polo talento creativo do país, incluíndo entre o material
divulgativo da celebración do Día da Patria un tema musical a modo de himno
reivindicativo, como xa fixo en 2017 e 2018, que nesta ocasión corre a cargo do
grupo de hip-hop Son da Rúa, que será lanzado en formato vídeo nas redes sociais nos
próximos días e que se utilizará como banda sonora nos actos de celebración
previos a manifestación nacional en Compostela. Departamento de comunicación