O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe
que o novo Plan Galego de Hospitalización a Domicilio 2019-2023, que se
aprobará esta semana no Consello da Xunta, permitirá estender este
servizo ao 100% dos galegos os 365 días do ano. “Estamos a falar dun
plan estratéxico completo para o 100% do territorio e que marcará un
antes e un despois”, dixo, incidindo en que ata o de agora este servizo
funciona só de luns a venres, alcanzando o 75% do territorio.
Se
ben non é fácil trazar o perfil do doente que ten acceso a este
servizo, Feijóo precisou que entre os casos están o seguimento de
persoas transplantadas ou con patoloxía cirúrxica, pacientes crónicos ou
persoas que reciben coidados paliativos, entre outros. Así, actualmente
benefícianse desta atención máis de 5.000 pacientes ao ano grazas ás 15
unidades e 45 equipos repartidos por todas as áreas sanitarias galegas.
Durante
unha visita esta mañá a unidade de Hospitalización a Domicilio do
Hospital Marítimo de Oza, Feijóo destacou o labor dos profesionais de
HADO e aseverou que o Goberno galego seguirá comprometido e traballando
para a Sanidade da vindeira década: con 2.300 profesionais máis que hai
10 anos, con récords en intervencións, consultas e transplantes e tamén
coas menores esperas desde que hai rexistros.
Así mesmo, lembrou a
aposta polas infraestruturas sanitarias: poñendo a disposición dos
lucenses o Hospital Lucus Augusti, construíndo un novo hospital en Vigo,
facendo un edificio completo de hospitalización en Ourense, remodelando
o Hospital do Salnés e o Hospital da Mariña, ou adxudicando a
remodelación do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Así mesmo,
asegurou que antes de que remate o ano tamén se adxudicará a
remodelación completa do Hospital de Montecelo en Pontevedra, “e
seguiremos traballando nos hospitais comarcais de O Barco, Verín,
Barbanza e Cee, ademais de traballar nun novo Hospital Universitario en A
Coruña”.
Nesta mesma liña, destacou a mellora da Atención Primaria, cun plan que
contou coas achegas de profesionais e pacientes e que, dotado con 100
millóns de euros, ten como obxectivo aumentar o persoal, renovar equipos
e tecnoloxía e unha mellor coordinación; e o impulso da estabilidade
para os profesionais, a través das ofertas públicas de emprego.