O Parlamento de Galicia deu hoxe o visto e
prace á Lei da Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), o marco
xurídico para consolidar unha administración integramente dixital e
universalizar e seu uso e acceso a toda a cidadanía. Complétase así o
trámite parlamentario, tras o período de exposición pública e tras ser
aprobada na mesa de persoal da Xunta co voto unánime de todas as
organizacións sindicais.
A lei adapta á realidade do sector
público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015 e aséntase
en tres principios; só unha vez, evitando reclamar datos que xa obran
en poder da Administración; a proactividade, empregar a información que a
Administración ten o cidadán para prestar servizos personalizados e
adiantarse ás súas necesidades; e a automatización dos procesos para
conseguir unha xestión máis eficiente.
Oficinas de atención á cidadanía e funcionario habilitado
Entre
as principais novidades da Lei está a transformación das actuais
oficinas de Rexistro en espazos de asesoramento e apoio, nos que
prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración,
tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da
identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de
representación. Nesta liña, a Lei tamén establece a posta en
marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha
persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos
en nome doutra persoa.
A sede electrónica e a carpeta do cidadá
A
lei consolida a sede electrónica da Xunta como o punto de acceso único,
sinxelo e accesible na rede a calquera recurso ou servizo da
Administración. A lei dá especial relevancia a carpeta do cidadá, na que
poden xestionar online toda a información referente aos seus trámites
administrativos e consultar o estado dos mesmos con todas as garantías
de seguridade. En base a esta información a Administración poderá
prestar servizos personalizados e proactivos, evitando a reclamar a
petición daquela documentación que xa consta na carpeta do cidadán.
En
relación coa tramitación online, un dos primeiros desenvolvementos
normativos desta Lei será a tramitación do Decreto de ampliación
automática de prazos, que garantirá a ampliación do prazo daqueles
procedementos que se vexan afectados por unha incidencia técnica durante
a súa xestión.
Capacitación dixital
A norma define, por
primeira vez, a creación dun marco galego de competencias dixitais,
tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia,
para que os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos dixitais e
mellorar as súas competencias profesionais. Ademais, promoverase a
inclusión dixital con actuacións de formación en función do nivel
(alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a Rede de
Aulas CeMIT constituirá un instrumento de apio importante.
Así
mesmo, a lei contempla a definición dun Plan de capacitación dixital do
empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas
administracións públicas galegas e que permitirá acadar o certificado
galego de competencias dixitais.
Posto de traballo dixital
Senta
as bases para o desenvolvemento do posto de traballo dixital do
empregado público, coa dotación de medios para a realización do
desempeño no novo contexto dixital, acceso remoto ou teletraballo,
mobilidade, que deberá permitir: o uso de escritorios e aplicacións
corporativas en calquera dispositivo e lugar; o emprego de terminais ou
dispositivos adaptados aos perfís dos empregados públicos; e posibilitar
contornas de traballo colaborativas e a creación de redes de usuarios
con actividades comúns.
Regulación para o funcionamento dixital interno
A
lei regula o Arquivo Electrónico Administrativo como como o elemento
que albergará todos os expedientes do sector público autonómico en
tramitación e os finalizados e a plataforma de interoperabilidade
pasaXe! como o nodo para o intercambio de datos e documentos entre
administracións públicas.
Entre as novidades que incorpora a lei
está a configuración dixital de procedementos administrativos e servizos
para que teñan un funcionamento plenamente electrónico e ofrecer aos
cidadáns uns servizos homoxéneos, personalizados e fáciles de utilizar.
As directrices, de obrigado cumprimento, recóllense nas Guías para a
habilitación electrónica de procedementos e servizos.
Infraestrutura dixital
Establece
que o Centro de Proceso de Datos (CPDI) e a rede corporativa da Xunta
constitúen infraestrutura dixital básica necesaria para dar soporte á
administración dixital, que deberán asegurar a prestación de todos os
servizos dixitais a nivel de posto de traballo.
A Lei establece
que a Xunta disporá dun Plan de continuidade dos servizos dixitais, que
determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as
accións preventivas, correctivas e reactivas e o establecemento de
responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos servizos
dixitais.
Avaliación e seguimento
Para facilitar o
seguimento dos avances na dixitalización e o seu impacto tanto no
funcionamento interno como na relación cos cidadáns a norma contempla a
creación dun sistema de indicadores da administración dixital. A análise
da información que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá
introducir melloras na implantación dos servizos.
Ademais,
aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a
Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano asesor dixital para a
extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de
Galicia.