A portavoz nacional, Ana Pontón,
levou á sesión de control a crise demográfica que supón un “retrato demoledor”
do fracaso de Feixóo como presidente e de 30 anos de goberno do PP, tras os que
Galicia presenta o peor dato de poboación da súa historia, a cifra de nacementos
está en caída libre e emigraron 250.000 galegos e galegas.
“Como sería o saldo vexetativo deste país senón os botaron fora, señor
Feixóo?”, interpelou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo, a quen
instou a deixar atrás a propaganda e as políticas natalistas fracasadas para
centrarse no que realmente pode reverter a crise demográfica: a economía.
“Ese é o gran debate pendente: a
política económica que hai que impulsar para
crear emprego digno, estabilidade
laboral, benestar social e expectativas
de futuro. Non vai crear emprego unha lei de demografía propagandística que
repite propostas fracasadas e que non aporta ningunha solución real”, salientou
a líder nacionalista.
“As persoas teñen fillos, primeiro se
lles apetece, e despois se teñen expectativas de futuro, con estabilidade
laboral, salarios dignos e bos servizos públicos que lles permitan conciliar.
Porque o problema de fondo desta crise demografía é a economía, que tipo de
salarios, de estabilidade laboral ou de perspectivas de futuro ten a xente nova”,
recalcou, “ou como diría o ex-presidente norteamericano Bill Clinton, It’s the economy, stupid”.
Os galegos, afondou Pontón,
“non teñen fillos porque llo pida o goberno, nin por amor á patria, nin por cheques
bebe de 100 € mes, nin por caixas de benvida”, afondou. Por iso, “o BNG faille
unha proposta: céntrese na economía”, recalcou, explicando tanto cal debería ser a liña estratéxica de
traballo nesa dirección, -“faga unha aposta estratéxica por industrializar os
sectores produtivos do país”-, como
enumerando medidas concretas.
Duplicar os fondos para I+D+i xa desde
as contas públicas de 2020, sumarse á reclamación para derrogar as contrarreformas
laborais, “porque a precariedade non facilita ter fillos”, e aposta real polos
servizos que permitan a conciliación da vida laboral e familiar como a
inclusión no sistema educativo dos nenos de entre 0 a 3 anos. “Colla estas
medidas e verá como a medio prazo revertemos a crise demográfica”, augurou.
O único avance que aprecia a líder
nacionalista en Feixóo é que, cando menos, empeza a aceptar que a emigración é
un problema, aínda que a solución non está nun plan retorna “ao que lle sobra
propaganda e lle falta ambición”. E, desde logo, considera unha “frivolidade”
que a resposta do presidente da Xunta sexa “facer oposición da oposición”.
“Pense que paradoxo, di que temos máis de
todo, máis prazas infantís, máis axudas, pero temos menos nacementos que nunca
e menos mocidade ca nunca, entre outras cuestións porque emigraron 100.000
mozos e mozas na súa década de goberno”, salientou a portavoz, “colla as
propostas que lle lanza o BNG, céntrese no problema de fondo da demografía que
é a economía e non en políticas natalista fracasadas como demostran os datos de
poboación: os peores da historial de Galiza”, concluíu.
Estatísticas: o 23% das mulleres alegan razóns económicas ou laborais
Xa na quenda de peche sen opción a
réplica, o presidente da Xunta botou man da estatística coa pretensión de refutar
o argumento das razóns económicas esgrimido pola portavoz do Bloque. En concreto
citou a Enquisa de Fecundidade 2018 do
ince publicada e marzo de 2019, realizada entre 17.175 mulleres de todo o
Estado entre 18 e 55 anos.
Esa enquisa non fai máis que confirmar
que son razóns económicas ou de estabilidade laboral as que máis peso teñen na
decisión de ter ou non descendencia. Así, nos datos desagregados para Galiza,
un 9,78% alega “razóns económicas” e un 12,94% “razóns laborais ou de
conciliación da vida familiar e laboral”. En total un 22,72% declara non ter
descendencia por razóns económicas ou laborais.
Ademais, un 21,20% declara como razón ser
“demasiado nova para ter fillos”; un 16,20% “que non querer ser nai”; un 14,76%
“non ter a parella acaída” e un 10,42% esgrime “razóns de saúde”. Tamén o propio
Observatorio Galego de Dinamización
Demográfica da Xunta apunta como a precariedade, a falta de estabilidade
laboral e os horarios inflúen na decisión de ter fillos. Departamento de comunicación