O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, anunciou que o Consello da Xunta aprobou hoxe autorizar
aos servizos xurídicos do Goberno galego a persoarse como parte do
proceso civil iniciado pola Administración Xeral do Estado no xulgado de
Primeira Instancia número 1 da Coruña.
En 2017, relatou Feijóo, o
Parlamento galego encomendou á Xunta a creación dunha comisión para
estudar este tema. Menos dun ano despois, concretamente en xuño de 2018,
o Goberno galego remitiu o informe da Comisión á Cámara galega e,
posteriormente, se aprobou unha Proposición Non de Lei para instar ao
Goberno central a realizar as accións legais oportunas para reintegrar o
Pazo de Meirás ao patrimonio público. Ademais, sinalaba que non debía
supoñer un custe para os cidadáns.
O titular do Goberno galego
tamén explicou que, ese mesmo mes de xuño, a Administración autonómica
remitiu unha carta á ministra de Xustiza porque comprendía que había
causa documental e xurídica para reintegrar o Pazo de Meirás ao
patrimonio público.
Tras case un ano sen resposta, o Parlamento
galego aprobou outra Proposición Non de Lei para que, deste xeito, a
Xunta lembrase ao Goberno central que cumprira con esta petición. Así as
cousas, Feijóo destacou que, cando a semana pasada o Goberno central
presentou nos xulgados da Coruña unha demanda para reclamar a devolución
deste ben, a primeira valoración dos servizos xurídicos da Xunta
subscribía que era posible persoarse neste proceso e que, se
efectivamente se confirmaba esa valoración inicial, o Goberno galego o
faría. Finalmente, o presidente do Goberno galego confirmou esta
autorización aprobada este mesmo xoves polo Consello da Xunta.
Por
último, Feijóo subliñou que a Administración galega cumpre deste xeito
cos compromisos acadados e, ao mesmo tempo, celebrou que o Goberno de
España aceptara unha proposta feita pola Xunta, validada polo Parlamento
galego e con unanimidade nos seus plantexamentos.