Santiago de Compostela converterase o
vindeiro mes de decembro na capital da Galicia exterior grazas á
celebración do pleno do Consello de Comunidades Galegas. A cidade
acollerá durante os días 3 e 4 do citado mes a reunión que cada tres
anos congrega os representantes das máis dun cento de entidades galegas
que existen espalladas polo mundo. Así o anuncia hoxe o Diario Oficial
de Galicia (DOG), que fai pública a súa convocatoria e revela así a
localidade elixida para esta cita, que se celebra cada tres anos desde
hai máis de tres décadas.
A anterior convocatoria tivo lugar en La
Habana en maio de 2016, e a previa, celebrada no ano 2012, tivo
novamente a capital galega como sede oficial das reunións de traballo.
Outros destinos que serviron de escenario para a xuntanza dos
representantes da Galicia exterior foron Bos Aires, Montevideo, Ourense e
Lugo.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez
Miranda, amosouse “orgulloso de que a capital galega exerza de anfitrioa
de todos os galegos do mundo nun ano tan especial como o actual, no que
o pobo galego quixo render unha sentida e sincera homenaxe a toda a
emigración a través da concesión da Medalla do Parlamento”.