O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, chamou hoxe á implicación do conxunto da sociedade para
que o Xacobeo 2021 faga crecer o Produto Interior Bruto de Galicia un
0,9% e cree 11.500 empregos a tempo completo nos próximos catro anos,
desde hoxe ata 2022, o último exercicio que se verá influenciado
directamente polo Ano Santo.
Feíjóo durante a presentación do Plan
estratéxico do Xacobeo 2021 ante membros da Igrexa, alcaldes dos máis de
120 concellos polos que transcorren os camiños, asociación xacobeas e
culturais e directivos turísticos, unha ampla representación de Galicia
que, dixo, “quere evidenciar que organizar o mellor Xacobeo da mellor
Galicia require do compromiso de todos”. “Temos claro que o Xacobeo é de
todos. As galegas e os galegos temos o dereito de vivir o Xacobeo, de
desfrutalo, pero tamén temos o deber de preparalo, de enriquecelo, cada
un desde as súas respectivas responsabilidades, individuais ou
colectivas”, aseverou.
Así, destacou a diversidade desta folla de
ruta, que conta con achegas de máis de 600 persoas, entidades,
organizacións políticas e peregrinos, facendo fincapé en que “o traballo
que todos os galegos tempos arredor do Xacobeo non remata aquí, senón
que comeza”. Por isto, chamou á implicación do conxunto da sociedade
galega, española e europea para que Galicia mostre no Xacobeo 2021 todo o
seu potencial e todas as súas capacidades no eido cultural, turístico e
relixioso, pero tamén no económico e social.
Na mesma liña,
Feijóo salientou a importancia de cada un dos papeis que ten cada persoa
ou entidade para que o pobo que se vexa no Xacobeo 2021, e nos
seguintes de 2027 e 2032, sexa “máis Galicia Calidade que nunca”, e
expresou o seu desexo de que toda a Comunidade sexa a casa acolledora
para os que nos visiten. Do mesmo xeito, asegurou que o Xacobeo
dos 5.000 días “esixe que deamos o mellor de nós mesmos cada un deles” e
convidou a todos os galegos a aproveitar xuntos a Galicia Xacobea da
próxima década para afondar nos eidos marcados como prioritarios: unha
Galicia verde, moza, familiar e innovadora.
Galicia, no mellor momento para a celebración dos Anos Santos
Durante
a súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que “non cabe dúbida
de que aproveitar os seguintes Anos Santos como plataforma para ensinar a
Galicia que queremos ser na próxima década é un obxectivo ambicioso”,
pero asegurou que “temos unha vantaxe que nos permite facelo coa
preparación debida: hai tempo suficiente”.
Neste sentido, explicou
que, a diferenza do Xacobeo 2010, “levamos preparando esta cita desde
hai anos, e con aínda máis intensidade desde agora, xa con este Plan
Estratéxico como folla de ruta, aínda a ano e medio para que se abra a
Porta Santa”. “Desde logo na Xunta xa levamos a cabo iniciativas
importantes, que creo que nos sitúan na mellor situación respecto a
calquera outro Ano Santo anterior”, abundou, afirmando que Galicia está
en mellor situación porque o feito peregrino está no seu mellor momento
–hai un 20% máis de peregrinos que en 2010, dos que o 65% son
internacionais e 35% nacionais, e superouse a barreira dos 300.000
peregrinos-, e porque “sentamos as bases para ensinarnos ao mundo nas
mellores condicións”.
Máis polo miúdo, expuxo que hoxe hai máis
camiños recoñecidos -incorporouse oficialmente o Camiño de Inverno e o
Camiño Portugués da Costa-; os camiños están máis diversificados –o que
fai que non se caia nunha masificación que puidera comprometer a
experiencia-; a Catedral foi obxecto da maior rehabilitación da súa
historia, á que se suma a restauración do Pórtico da Gloria; estase a
acometer a maior recuperación paisaxística dos máis de 1.500 quilómetros
dos Camiños de Santiago; o novo Centro de Acollida ao Peregrino dá
mellor recibimento aos peregrinos que recollen a Compostela; está a
piques de rematar completamente a mellora das instalacións do Monte do
Gozo; hai 12 albergues máis na rede autonómica que no Xacobeo 2010; e
eventos como o festival O Son do Camiño consolídanse e son exemplo da
programación festiva que se estende no conxunto de Galicia.
Triplícase o orzamento con respecto ao Xacobeo 2010
Co
obxectivo de seguir preparando Galicia para estar no seu mellor
momento, o presidente recordou –como xa se anunciou en días pasados- que
o Plan estratéxico do Xacobeo 2021 garante con recursos suficientes ese
compromiso da Xunta, que incorpora un mínimo de 247 millóns de euros
para os próximos anos, o que supón triplicar o esforzo orzamentario
dedicado ao anterior Xacobeo. De todos os xeitos, fixo fincapé en que é
unha cantidade que agarda que se poida incrementar “unha vez que se
despexe o escenario político a nivel nacional”, isto é, que o Goberno
central poida concertar o alcance e o contido de compromisos que ten
adquiridos.
O Xacobeo máis participativo para lograr os mellores resultados
Feijóo
avogou por lograr esa unidade administrativa, da Xunta, concellos e
Goberno central, pois “será o mellor exemplo para as galegas e os
galegos”. Nesa liña, puxo como exemplo os resultados da convocatoria O
teu Xacobeo, que revelan unha Galicia con ideas e con ganas de que o
próximo Ano Santo “sexa o mellor tamén porque será o máis
participativo”, dixo, poñendo en valor que “así debe ser porque cada
gran que se achegue contará para poder lograr os mellores resultados”.
“Temos
moito a favor, pero cómpre que traballemos xuntos, con todo o mellor de
nós mesmos para poder conseguir que o Xacobeo teña un impacto económico
ambicioso”, concluíu, e mencionou así mesmo o desexo de superar os 9,3
millóns de visitantes do anterior Xacobeo.
O presidente da Xunta
resaltou para finalizar que o fenómeno peregrino permite amosar desde
Galicia unha visión polifacética do mundo, cunha gran capacidade para
entender a diversidade. “Defender o Xacobeo debería obrigarnos tamén a
converternos en promotores desa diversidade, que é tan contraria ás
tentacións illacionistas como a aquelas outras que pretenden desdebuxar a
personalidade de cada territorio”, sentenciou.