O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda,
e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva,
mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo con presidente da
Confederación de Anpas galegas, Fernando Lacaci, co obxectivo de seguir
escoitando a todos os colectivos involucrados e acadar así un total
consenso na redacción final do texto da Lei de Xogo.
Durante a
reunión, abordaron e analizaron os distintos aspectos do borrador da
Lei, que se está tramitando actualmente, co obxectivo de recabar de
forma directa as opinións das Asociacións de pais e nais, dado a
importancia que ten que a protección das persoas, especialmente dos
menores e colectivos máis vulnerables. De feito avanzouse en medidas
para reforzar esa protección entre estes colectivos máis vulnerables,
entre os que se atopan os menores de idade.
A Xunta está
actualmente estudando todas as alegacións presentadas e seguirá mantendo
conversas e reunións con todos os sectores implicados para actualizar a
anterior Lei -foi aprobada en 1985-, coa premisa de adaptala aos
tempos actuais e aos novos modelos de xogo. O borrador da Lei estivo en
exposición pública na web de Transparencia da Xunta para que colectivos,
interesados e cidadanía en xeral puideran enviar alegacións e
suxestións antes da aprobación definitiva da norma.
O obxectivo
principal desta Lei é adaptarse ás novas realidades e regular un xogo
responsable, de aí que inclúa novidades como o reforzo dos controis ou a
limitacións no número de establecementos e unha maior protección dos
menores, incluíndo a obrigatoriedade de que todos os establecementos de
xogo deberán ter control de acceso para evitar a entrada de menores e
tamén das persoas que figuran voluntariamente no rexistro de prohibidos.