A Axencia Galega das Industrias
Culturais (Agadic) publica hoxe no seu web a resolución das subvencións
da Xunta a festivais de música, a través da que este ano lles achega
340.000 euros a 16 eventos. Esta cifra supón un incremento de 60.000
euros respecto á dotación reservada en 2018 para a modalidade de música
desta convocatoria, dentro da que o pasado luns se resolveron as
adxudicacións a oito mostras de artes escénicas.
Son cinco os
festivais que se incorporan por vez primeira a esta listaxe de
beneficiarios: Vive Nigrán (con 15.699 euros), que se celebra hoxe e
mañá en Praia América, 17º Ribeira Sacra (con 21.136 euros), que se está
a desenvolver tamén esta fin de semana e os vindeiros 26 e 27 de xullo
nos concellos de Monforte de Lemos, Sober, Chantada, Castro Caldelas,
Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín; así como o pasado Castañazo Rock (con
12.091 euros), que tivo lugar o 2 e 3 de novembro de 2018 en Chantada,
Fanzine Fest (con 4.100 euros), celebrado o 1, 7 e 8 de decembro do
pasado ano na Coruña; e o último Melona Fest (con 3.518 euros), que se
atopou co público do 3 ao 6 de abril en Santiago de Compostela.
A
dotación restante distribúese entre outros 11 festivais, algúns xa
celebrados, como o FIV de Vilalba, subvencionado con 22.487 euros; o
Resurrection Fest de Viveiro, con 43.254 euros; o PortAmérica de Caldas
de Reis, con 34.003 euros; e o Morrasound Rock de Domaio (Moaña), con
6.383 euros. Por desenvolver as súas vindeiras edicións están o Festival
Sinsal SON Estrella Galicia na Illa de San Simón do 25 ao 28 de xullo,
cofinanciado pola Agadic con 21.175 euros; o Atlantic Fest, do 26 ao 28
de xullo na Illa de Arousa e que percibirá 26.856 euros, o SonRías
Baixas en Bueu do 1 ao 3 agosto, con 26.998 euros; o Revenidas en
Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 9 ao 11 de agosto, con 26.895 euros; o
Festival de la Luz en Boimorto (do 6 ao 8 de setembro), con 26.699
euros; o WOS Festival x Son Estrella Galicia en Santiago do 11 ao 15 de
setembro, con 24.230 euros; e Cantos na Maré en Pontevedra do 13 ao 15
de setembro, con 21.468 euros.
Impulso á profesionalización
A
través destas axudas, a Xunta de Galicia busca contribuír á
consolidación dun mapa galego de festivais de carácter profesional, así
como a dinamizar a contratación artística e a creación de públicos. De
feito, o texto da convocatoria fai especial fincapé na consideración
deste tipo festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e
no impulso da súa profesionalidade. A concesión das subvencións
realízase seguindo o procedemento de concorrencia competitiva, mediante a
aplicación do baremo especificado nas bases por parte da comisión de
avaliación.
Ademais desta liña de axudas, os festivais de música
galegos tamén contan co programa de apoio e patrocinio da Xunta a través
da marca FEST Galicia, dotada este ano con 350.000 euros e da que
forman parte na actualidade 12 eventos: Resurrection, PortAmérica, 17º
Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas,
Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival x SON Estrella Galicia,
Cantos na Maré e Caudal Fest. A relación de festivais
adxudicatarios das subvencións, entidades solicitantes, puntuacións
acadadas e contías resultantes pode consultarse na web