A Ruta dos Camiños de Santiago, a
principal novidade da edición deste ano dos Trens Turísticos de Galicia,
realizou hoxe a súa primeira saída co 100% de ocupación, constatando
así o éxito da sétima tempada do programa deste produto turístico
impulsado pola Xunta en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de
Desenvolvemento Económico (Inorde).
Na antesala do Xacobeo 21,
incorporouse esta nova ruta que permite descubrir gran parte do
patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés,
Norte, Primitivo e Inglés. Saíndo da cidade da Coruña (Camiño Inglés) o
itinerario achégase ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Camiño do Norte),
á cidade de Lugo (Camiño Primitivo) e ao mosteiro de San Xulián de
Samos (Camiño Francés) percorrendo así catro dos dez itinerarios
xacobeos en Galicia. A próxima saída deste itinerario será o 28 de
setembro.
A nova edición dos Trens Turísticos está a ter moi boa
acollida entre os viaxeiros. O pasado mes de xuño pechou con case todas
as saídas completas, acadando máis dun 94% de ocupación. Esta nova
edición mantén, ademais da novidade da ruta dos Camiños de Santiago, as
xa coñecidas Ruta dos Faros, Pazos e Xardíns Históricos de Galicia, Ruta
da Lamprea, a Ruta Ourense Termal e Versalles galego.
Tamén están
presentes os seis trens turísticos que percorren os territorios de cada
unha das cinco denominacións de orixe vitivinícola: Monterrei, Rías
Baixas, Ribeira Sacra –tanto no río Sil como no Miño–, Ribeiro e
Valdeorras, así como a Ruta dos Mosteiros que, tras o éxito do ano
pasado, duplica as súas saídas nesta edición.
Novo punto de venta en Santiago
En
total, os viaxeiros poden desfrutar nesta edición de ata 12 itinerarios
temáticos diferentes, que fan un total de 57 saídas entre os meses de
xuño e outubro e que suman máis de 16.000 km de percorridos polas catro
provincias. As rutas inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados
en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con
descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os
nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como
novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de
billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario. Amais,
pódese atopar toda a información na web