Eva Solla, coordinadora
nacional de Esquerda Unida, e Raquel Bernárdez, coordinadora da área da Muller
de Esquerda Unida, veñen de ofrecer unha rolda de prensa para esixir a implicación da Xunta de Galicia e o Concello de Lugo para
presentarse como acusación no marco do Día Mundial contra a Trata de Personas.
A coordinadora
nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, reiterou
que o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia non poden permanecer impasibles ante a indefensión das vítimas de trata
e deben presentarse como acusación.
“Hoxe 30 de xullo se
conmemora un ano máis o Día Internacional Contra a Trata de Persoas, polo que temos que lembrar que a Xunta está a ser
cómplice da impunidade nos casos relacionados coa Carioca e, se non se actúa, decenas de mulleres quedarán en
vulnerabilidade en casos terribles, incluíndo a prostitución de menores”.
“A semana pasada o Tribunal Supremo pronunciábase nunha
sentenza en relación a diversos casos de prostitución de Vigo, A Coruña e
Córdoba tratando a situación de prostitución como un delito, que está ás portas
das nosas vilas, e como a escravitude do século XXI. Ante isto, non entendemos
como a Xunta é capaz de mirar para outro lado”, apunta Eva Solla.
Neste senso, recalcou a súa actitude hipócrita, e esixiu,
“en base ao artigo 30 da Lei Galega 11/2007 contra a violencia de xénero, que se
persone como acusación nesta causa e impedindo que prescriban os presuntos delitos,
que son moi graves, como abusos sexuais, prostitución coactiva e lucrativa, indución
a prostitución de menores, concertación de matrimonios de conveniencia...”,
dixo.
Dende Esquerda
Unida instamos de novo ao Concello de Lugo e a Xunta de Galicia a que exerzan
as súas responsabilidades como administracións públicas e se personen como
acusación, por iso, hoxe acudiremos ao rexistro para facer
constar unha solicitude formal. “Non
entendemos porque non se actúa, probablemente por que estes casos teñen
relación con outros casos de corrupción que están a ser estudados por unha xuíza
que está a ser perseguida”, reiterou Solla.
Raquel Bernárdez, coordinadora da área de Muller de Esquerda Unida, lembrou que se conmemora o
Día Internacional Contra a Trata de Persoas, “un dos delitos máis aberrantes
contra o ser humano, con numerosos propósitos entre os que destacan a explotación
sexual como principal fin”.
“No mundo, máis de 40
millóns de persoas son vítimas de explotación sexual, das cales o 72% son
mulleres e nenas que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade,
especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular. En
Galicia, por exemplo, representan o 90% dos casos detectados”, dixo.
Segundo explicou Bernárdez “aínda
que non se dispoñan de datos exactos polo propio entorno de delincuencia
organizada no que se desenvolve a prostitución, España aparece como un dos
principais destinos de mulleres e nenas vítimas de trata cun moi preocupante
incremento de homes prostituídores cada vez máis novos que se sitúan entorno
aos 20 anos”.
“Os datos poden parecer
lonxanos, pero hai unha realidade que debemos ter presente: o carón das nosas
casas temos “Clubes” sostidos por proxenetas e homes prostituídores. Temos en
Galicia a maior causa xudicial contra o proxenetismo en España coa Operación
Carioca en Lugo, na que a Fiscalía non contemplou delito na prostitución dunha
menor porque falsificou o seu DNI cun `bolígrafo Bic’, entre outros presuntos delitos como abusos
sexuais, prostitución coactiva e lucrativa, trata de seres humanos con fins de
explotación sexual e con débeda, omisión do deber de perseguir delitos,
concertación de matrimonio de conveniencia, entre outros. Todo elo sostido por
370 testemuñas que non fan máis que poñer sobre a mesa que a prostitución
vulnera os dereitos humanos, o dereito que temos as persoas de non ser abusadas
nin utilizadas sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio dunha
compensación económica”, dixo.
Por todo isto, dende Esquerda
Unida ratificamos a noso posicionamento a favor das teses abolicionistas defendidas
polo movemento feminista, que sitúa a prostitución como unha forma de violencia
machista extrema. Departamento de comunicación