O BNG valora o “respiro” que a venda
de ALCOA ao fondo suízo PARTER da aos traballadores e traballadoras, pero tendo
en conta que é unha solución que non resolve o problema de fondo: a urxencia de
ter un estatuto para as empresas electrointensivas “que poña fin ao escándalo
de que un país que produce electricidade a esgalla teña miles de postos de
traballo na picota polo prezo da enerxía”, salientou a viceportavoz
parlamentaria, Olalla Rodil.
Pero
en vez de poñer unha solución enriba da mesa, denuncia Rodil, PP e PSOE volven facer
o de sempre, repetindo a habitual alternancia de papeis en función de quen
goberne na Moncloa que fan as forzas estatais con Galiza, mantendo a
discriminación e a utilización partidista. “Temos ao PP e ao PSOE facendo o de sempre: pim-pam-pum con Galiza, o e ti máis, Galiza como arma
arreboladiza, o uso do noso país para facer política cutre, curtopracista pero
co mesmo pano de fondo, que non é outro que a discriminación de Galiza”,
denunciou Rodil, neste caso a conta de ALCOA.
A viceportavoz parlamentaria do Bloque puxo
o foco na cuestión de fondo, “que temos
miles de postos de traballo en risco por
un marco eléctrico creado polo PP e seguimos esperando por un estatuto de
electrointensivas que o PSOE prometeu antes dos procesos electorais e polo que
aínda seguimos esperando”.
Por
iso, o BNG reclama de PP e PSOE “menos política cutre cortopracista na que usan
Galiza para as súas broncas partidarias e máis poñer sobre a mesa solucións
concretas para que un país produtor de electricidade deixe de ter en risco
postos de traballo polo prezo da enerxía. É ofensivo para as galegas e galegos
ver este intercambio de papeis entre as forzas estatais en función de quen se
sente na Moncloa, cambio de papeis pero
na mesma película que é a do agravio a Galiza”, concluíu. Departamento de comunicación